A Xunta renovará o alumeado de cinco portos do Salnés con tecnoloxía LED

A titular de Mar salienta que se instalarán elementos de altas prestacións e software de telecontrol para mellorar as condicións de iluminación e eficiencia enerxética nos espazos portuarios contribuíndo así a reducir a contaminación luminosa
Os Reis Magos arribarán ao Porto do Xufre da Illa de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Porto do Xufre da Illa de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou onte que o seu departamento, a través de Portos de Galicia, vai investir este ano arredor de 3 millóns de euros na renovación do alumeado de preto dunha trintena de portos autonómicos. As actuacións permitirán instalar novos equipamentos, luminarias e proxectores con tecnoloxía LED e software de telecontrol co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de iluminación das contornas portuarias reducindo o máximo posible a contaminación luminosa. 

Estes traballos realizaranse en nos portos do Salnés de Vilanova de Arousa, O Xufre-A Illa de Arousa, Tragove (Cambados), O Grove e Portonovo.

A representante do Executivo galego salientou que se instalará tecnoloxía LED con equipamentos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa resistencia en ambientes mariños e condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, incrementarase a protección fronte a posibles sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol da iluminación. 

Estas melloras, incidiu Rosa Quintana, enmárcanse nos obxectivos de desenvolvemento sostible e contribúen a reducir a pegada de carbono cun menor consumo de enerxía. Ao mesmo tempo responden ao que se coñece como iluminación intelixente, o que permitirá a Portos de Galicia contar con datos en tempo real e indicadores medioambientais así como unha maior eficiencia reducindo custos.  

A titular de Mar destacou que a maiores está en tramitación un contrato global para as tres provincias litorais -e preto dunha trintena de localidades- de renovación de firmes e pavimentos nas contornas portuarias así como a sinalización horizontal en explanadas e vías portuarias por importe de 1,6 millóns de euros. 

A estes investimentos engádese tamén a instalación de defensas e medios de amarre en distintas dársenas, un contrato que xa se está a executar por importe de máis de 1,8 millóns de euros e que ten como obxectivo mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar.