A Xunta investirá 35,5 millóns de euros na comarca do Salnés e o Ullán

O delegado territorial, Luis López, informou das contas para a bisbarra nunha visita á EDAR cambadesa de Tragove, na que se investirán 3,8 M€, e destacou as importantes actuacións en materia sanitaria, de saneamento, nos peiraos, en medio ambiente e no solo empresarial
Visita de Luis López á EDAR cambadesa de Tragove. XUNTA
photo_camera Visita de Luis López á EDAR cambadesa de Tragove. XUNTA

A Xunta de Galicia inclúe uns investimentos iniciais de 35,5 millóns de euros para a comarca do Salnés e O Ullán no proxecto de Orzamentos 2023, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Luis López, na presentación das contas para a zona nun acto celebrado na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Tragove, no Concello de Cambados, que recibirá unha das principais partidas con 3,8 millóns de euros.

“A Xunta de Galicia é a administración que máis inviste, de longo, nestes doce concellos arousáns, xa que o punto de partida en investimentos para ambas sitúase en 35,5 millóns de euros, unha contía recollida de xeito específico e nominativo, que xurde do noso compromiso con este territorio do norte da provincia e que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.

O delegado territorial destacou que as actuacións máis importantes recollidas nas contas galegas para O Salnés sitúanse no ámbito sanitario, co arranque de tres novos centros de saúde; no saneamento a depuración de auga, con case 15 millóns de euros en cinco actuacións que benefician aos municipios de Vilagarcía, A Illa, Cambados e Ribadumia malia tratarse dunha competencia municipal; nos peiraos e no sector pesqueiro, mariñeiro e marisqueiro; no coidado do medio ambiente; e na creación de solo empresarial, entre outros.

Investimentos da Xunta na bisbarra para o vindeiro ano. XUNTA
Investimentos da Xunta na bisbarra para o vindeiro ano. XUNTA

“Movémonos nunha cifra inicial de investimentos moi similar á do ano pasado, oscilando entre os 30 e os 40 millóns de euros, o que demostra que o noso compromiso co Salnés é algo firme, programado e coherente, que pretende ter continuidade no tempo e dar solucións de progreso de xeito sostido, sen atender a cuestións alleas ao benestar dos cidadáns e á mellora das infraestruturas e dos servizos públicos”, concretou Luis López, que acudiu a presentar as contas para o Salnés xunto aos xefes territoriais de Infraestruturas, Mar e Medio Ambiente.

O Concello de Vilagarcía de Arousa vai dispoñer dunha das partidas máis importantes para a zona, xa que ten reservados case 7,6 millóns de euros para a modernización dos sistemas de saneamento e depuración, e ademais completa os seus principais investimentos autonómicos con 1,4 millóns de euros para o comezo das obras de construción do novo centro de saúde no edificio da antiga Comandancia e de 200.000 euros para a redacción do proxecto de modernización e mellora do novo CIFP Bouza Brey, cuxo montante total será de 2,8 millóns de euros nun plan plurianual.

Polo demais, outros investimentos destacados na comarca correspóndense coa planta de transferencia e tratamento de residuos de Sogama en Vilanova de Arousa, o colector de Cabanelas para mellorar o estado das augas en Cambados e Ribadumia, a mellora e urbanización da contorna do mercado de Sanxenxo, os saneamentos de Cambados e A Illa de Arousa, a creación do novo parque empresarial de Pontecesures ou a ampliación da Lonxa de Tragove, entre outros.