A Xunta concede un novo programa de emprego á Mancomunidade e 30 cursos para desempregados por 1,9 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da aprobación destas novas iniciativas laborais, que mellorarán a empregabilidade de 550 persoas da comarca arousana e que se engaden ás 100 que xa se están a formar nos cinco obradoiros de emprego
Un obradoiro da Mancomunidade. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARQUIVO
photo_camera Un obradoiro da Mancomunidade. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARQUIVO

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de aprobar a concesión dunha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) a prol da Mancomunidade do Salnés e dunha trintena de cursos AFD de formación para desempregados a impartir na comarca arousana cun investimento de case 1,9 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou durante a mañá deste xoves da aprobación destas novas iniciativas laborais para O Salnés, que "mellorarán a empregabilidade e favorecerán a inserción e a aparición de oportunidades de traballo" para ata 550 persoas desempregadas da bisbarra.

"Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno, e actuamos con especial intensidade nesta importante comarca da nosa provincia, que supera claramente os 100.000 habitantes. Por iso, e con este novo Programa Integrado de Emprego e os 30 cursos AFD, favoreceremos a formación laboral de ata 650 arousáns cun investimento global de case 4,5 millóns de euros, posto que dende o mes de outubro xa estamos preparando a un cento de persoas nos cinco obradoiros de emprego da Mancomunidade e dos concellos de Vilagarcía, Vilanova, Cambados e O Grove, nos que investimos máis de 2,5 millóns", detallou o representante autonómico.

O PIE outorgado á Mancomunidade do Salnés, que dá continuidade á edición actualmente en vigor e que se clausurará a vindeira semana, conta cun novo investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 45% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante doce meses, ao tempo que contará coa colaboración de empresas da contorna co único obxectivo de que os participantes atopen un posto de traballo.

"A Mancomunidade é unha entidade cun bo funcionamento e leva moitos anos de traxectoria a prol  do dinamismo da bisbarra, con especial fincapé no emprego, e por iso a concesión dun PIE xa é un clásico por parte da Xunta porque presenta proxectos tecnicamente moi valorados, conta cunhas magníficas instalacións, coñece perfectamente o mercado e as necesidades das empresas e ademais sempre cumpre sobradamente cos ratios de inserción”, engadiu o representante autonómico.

Cursos AFD para desempregados

Os 30 novos cursos AFD de formación para desempregados no Salnés están a comezar ao longo destas semanas do outono e prolongaranse, segundo o caso, ata o vindeiro mes de maio, xa que a súa duración oscila entre as 38 e as 828 horas dependendo do contido. A distribución por concellos inclúe 10 actividades en Vilagarcía de Arousa, 9 en Sanxenxo, 6 en Vilanova de Arousa, 3 en Cambados e 2 na Illa de Arousa.

En total serán 10 as entidades, coa correspondente homologación formativa, que impartirán estas actividades na bisbarra. As empresas, colectivos ou institucións encargados desta formación son Autoescola Sálvora, Centro de Formación Sálvora, Kaeme Consultoría, Ten Diez, System Vilagarcía, Campuscip, Centro de Formación Mapa, Concello de Vilanova de Arousa, Aepo Poio e Elisa Estévez.

En canto aos cursos AFD que se impartirán no Salnés, a tipoloxía é moi variada e inclúe linguas estranxeiras, competencias clave en galego e castelán, competencias matemáticas, xestión e control de aprovisionamento, seguridade informática, desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, organización e xestión de almacéns, organización de transporte e distribución, operacións de sistemas informáticos, asistencia documental e de xestión en despachos e oficinas, operacións auxiliares de servizos administrativos, xestión contable, creación e xestión de microempresas, recursos humanos, márketing e comunicación e dirección e coordinación de actividades de tempo libre, entre outros.