O talento mozo brilla na provincia de Pontevedra

Sara Lede (Ribadumia) e Ana Gómez (O Grove) gañaron o segundo e terceiro premio respectivamente na subcategoría Serie fotográfica

 Adela Bértolo animando unha gala na que non quedou unha butaca libre. GONZALO GARCÍA
photo_camera Adela Bértolo animando unha gala na que non quedou unha butaca libre. GONZALO GARCÍA

A gala dos VI Premios Provinciais á Xuventude que organiza a Deputación de Pontevedra volveu a deixar patente a gran cantidade de talento mozo que abunda na provincia.

A cerimonia foi conducida pola xornalista e actriz Adela Bértolo e estivo amenizada pola actuación de Eva Pico, Lidia Aldao e Cristian Fernández, encargados de poñerlle a nota musical ao evento.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, encargada de entregar os primeiros premios de cada unha das categorías existentes, non dubidou en amosar a súa ledicia por esta xeración. Fíxoo nun discurso no que deixou claro que, malia as dificultades que tiveron que atravesar, o seu talento continúa a salir a flote a través de convocatorias como esta.

Cristian Fernández, Eva Pico e Lidia Aldao. GONZALO GARCÍA
Cristian Fernández, Eva Pico e Lidia Aldao. GONZALO GARCÍA

Unha convocatoria que, ademais, superou notablemente a súa precedesora no número de proxectos presentados, acadando os 75 envíos nas categorías de Iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballo musical, banda deseñada, fotografía orixinal e deseño de moda, ademais do concurso de vídeo Reacción polo clima.

Os gañadores da VI edición

► Iniciativa empresarial: Eire García Cid, por CRU Producións Cooperativa Galega.

► Educación en valores: IES Frei Sarmiento de Pontevedra, por Mulleres na ciencia? Abre os ollos!

► Investigación: Manuel Casal Guisande, por Deseño e desenvolvemento dun sistema intelixente de soporte á decisión clínica para a avaliación do risco de padecer cancro de mama.

► Contido audiovisual: Roberto Pastoriza Rodríguez, por Ata o final.

► Traballo musical:
Música clásica: María M. Arbigay Ligero, por No río dos Gafos.
Outros xéneros: Santiago Guerra Fernández, por Paint in blue.

► Traballo literario breve:
Narrativa: Inés Alonso Veloso, por El verano del 81.
Poesía: Eva Fandiño Pena, por Fogar.

► Fotografía orixinal:
Fotografía: Helena Constenla Lorenzo, por Futuro e esperanza do golfo de California.
Secuencia: Claudia Gómez López, por Rituais do cotián.

► Deseño e moda: Sabela Juncal Vidal, por Condominio.

► Reacción polo clima: Asociación de Amigas e Amigos da Empanada, por Estamos a tempo de paralo.