Sanxenxo, Cambados e O Grove contan xa con novas zonas de descanso intelixentes

Os tres municipios do Salnés estrean os seus bancos e totems informativos con cargadores solares, puntos de recarga para móbiles, iluminación ou elementos ornamentais
 
o alcalde José Antonio Cacabelos e a concelleira Ángelez Domínguez os que recibiron as novas dotacións
photo_camera O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e a concelleira Ángelez Domínguez foron os encargados de recibir as novas dotacións. DS

Os programas Commerce Inside e Da túa man da Deputación de Pontevedra continúan dotando de vida ao comercio local dos concellos da comarca. En concreto, a cidadanía de Sanxenxo, O Grove e Cambados xa pode desfrutar das súas novas zonas de descanso verdes, que entregou a deputada provincial Noemí Outeda aos respectivos gobernos. En total, ao longo dos últimos meses instaláronse estas áreas de descanso en 20 concellos da provincia ao abeiro dos proxectos Da túa man, dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e Commerce Inside, dirixido a concellos turísticos. Os proxectos, que están financiados ao 70% con Fondos Next Generation EU e ao 30% pola Deputación e os concellos, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade. 

Os concellos beneficiarios son Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove, a través de Commerce Inside, e os de Moaña, A Cañiza, Gondomar, Meaño, Silleda, Ribadumia, Poio, Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño, no caso do proxecto Da túa man. Todas eles contan xa con zonas de descanso en diferentes localizacións dos municipios, que serán entregadas para a xestión municipal nos vindeiros días. Na gran maioría dos casos, están dotadas con cargadores solares, puntos de recarga para teléfonos e dispositivos dixitais, asentos, iluminación e xardineiras, mentres que noutros tan só contarán con xardineiras. 

Por outra banda, un amplo porcentaxe destas novas áreas verdes de descanso está dotado con paneis informativos luminosos de baixo consumo que mostran toda a información precisa sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes na mesma, impulsando desta maneira a comunicación dos espazos comerciais destes 20 municipios e dotándoos dunha imaxe personalizada, para caracterizalos así como un espazo único e homoxéneo. Toda a información dispoñible pode consultarse a través dun código QR e cárganse con enerxía solar.

Coa instalación destas áreas búscase favorecer os procesos de compra, embelecer a contorna comercial, crear novos puntos de reunión vinculados ao comercio, mellorar a experiencia de compra das persoas consumidoras, garantir a accesibilidade universal para todas as persoas e promover a utilización de enerxías renovables a través de cargadores solares. 

Na seguinte fase de ambos proxectos instalaranse dúas illas ecolóxicas en cada un dos municipios participantes, que contarán con colectores para o depósito dos diferentes residuos urbanos, fomentando a reciclaxe ao tempo que estes novos ecopuntos se integran na contorna, mellorando desta maneira a estética da zona. Ademais, no caso dos concellos de Da túa man instalaranse puntos de recollida intelixentes con smart lockers para transformar os principais puntos de venda e se desenvolverá un sistema de recollida de pedidos de forma colaborativa para impulsar os procesos de compra, entre outras actuacións.

Comentarios