O Salnés remata a primeira fin de semana do Entroido co éxito dos festivais de comparsas

Vilagarcía vibrou coa celebración anual do seu certame que non ten carácter competitivo. As agrupacións participantes no Grove encheron o auditorio na gran festa do Carnaval meco

 O auditorio de Vilagarcía encheuse de cor e festa onte, durante a celebración do certame de Comparsas. Na noite do sábado, o auditorio do Grove. Acolleu tamén o seu Festival de Comparsas. GONZÁLO GARCÍA/DP/TODOGROVE
photo_camera O auditorio de Vilagarcía encheuse de cor e festa onte, durante a celebración do certame de Comparsas. Na noite do sábado, o auditorio do Grove. Acolleu tamén o seu Festival de Comparsas. GONZÁLO GARCÍA/DP/TODOGROVE

Os festivais de comparsas foron protagonistas esta fin de semana na bisbarra do Salnés. Primeiro foi a quenda para o popular e consolidado certame que se desenvolve no Grove. Onte o Auditorio de Vilagarcía acollía tamén unha exhibición desta arte típico do Entroido, aínda que coa curiosidade de que non ten carácter competitivo.

Dende hai varios anos, todas as agrupacións que participan no certame de Vilagarcía reciben unha compensación de 300 euros. Deben contar cun mínimo de vinte persoas e dispoñer dun repertorio de entre 10 e 15 minutos de duración.

Esa ausencia de competitividade polos premios non desmerece a posta en escea e o arte dos participantes, como demostra a presenza de moito público nas bancadas do recinto municipal.

Comparsas no Grove

Cor e música, retranca e humor. O Festival de Comparsas do Grove levou ao auditorio a gran festa do Entroido.

Ata nove grupos participaron nesta cita que volveu arrasar no municipio. E é que as entradas se venderon en menos dunha hora.

A ironía foi unha das protagonistas da noite. As comparsas fixeron gala do seu bo humor e tiraron de retranca. Non deixaron títere con cabeza. As eleccións autonómicas ou a política nacional con temas como a amnistía protagonizaron algunhas das letras das comparsas.

Retranca, moitos risos e non faltou a festa, o baile e a música. Logo das actuacións, a comparsa Jana de Leira alzouse co Festival de Comparsas do Grove ao acadar un ano máis (e xa van tres) o título de Campiona do Mundo do Entroido Meco.

As medallas de prata e bronce foron para Leña Verde e As+Plus. A continuación quedaron Os Arrombados, Os Barallocas, A Tropa de Moncha a Caralla, Os Discípulos de Don Juan de la Meca e finalmente, quedaron en oitavo lugar, empatados a puntos A Resistensi e Os de Sempre.

De éxito califica o Concello esta primeira cita co Entroido do Grove. Así valorou onte o concelleiro de Festexos, Santiago Meis, o primeiro festival con el á fronte da Concellería.

"Estivo moi ben, saiu todo xenial. As actuacións das comparsas estiveron moi ben, a resposta do público... Logo, todo o mundo ten a súa valoración e o seu criterio á hora da puntuación, pero o certo é que había especialistas na materia", manifestou o edil. "Xa sabemos como son as comparsas do Grove; moito humor, moita retranca, pero cando se fai desde sen insultos, con respecto, está perfecto", dixo sobre a sátira política da festa.

O edil lembrou ademais que o Festival de Comparsas é só "o principio da festa".

O vindeiro martes será a quenda do desfile de disfraces polas rúas do municipio, algo que polo de agora mantense no aire, á espera de que o tempo acompañe.