O Salnés recibiu 127,2 millóns de euros de investimento da Deputación nos últimos oito anos

Carmela Silva fai balance dos dous mandatos á fronte da Deputación e destaca as 1205 obras levadas a cabo ▶ A administración provincial achegou nestes preto de 8 anos unha media dun 64% máis aos concellos que o anterior goberno do Partido Popular

Carmela Silva en el almuerzo en Carril para explicar las inversiones de la Deputación en O Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Carmela Silva durante el almuerzo de este lunes en Carril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

“Nunca se teñen feito investimentos de tanto calado nin de tanto importe no Salnés como con este goberno da Deputación de Pontevedra”, asegurou a presidenta Carmela Silva nun almorzo informativo en Vilagarcía para dar conta do histórico investimento de 127,2 millóns de euros no Salnés nestes oito anos que está a piques de completar á fronte da Deputación. “Somos a administración que máis inviste na comarca do Salnés”, asegurou sobre este histórico investimento que permitiu o financiamento de 1.205 obras, a creación de 1.748 postos de traballo en servizos municipais para persoas desempregadas, e a realización de preto de 3.000 actividades culturais, sociais, deportivas e de fomento da igualdade nos concellos de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova.

O volume de recursos da Deputación entre 2015 e 2023 supón un 64% máis que os que chegaban ao Salnés durante o anterior período de goberno do Partido Popular. Por concellos, Cambados recibiu un total de 12,5 millóns de euros; Catoira, 7,9 millóns de euros; O Grove, 13,7 millóns de €; A Illa de Arousa, 9 millóns; Meaño, 7,8 millóns de euros; Meis, 7,4 millóns de €; Pontecesures, 4,9 millóns; Ribadumia, 7,2 millóns de euros; Sanxenxo, 18,1 millóns de €; Valga, 9,4 millóns; Vilagarcía, 17,4 millóns de €; e Vilanova, 10,5 millóns de euros.

A presidenta tamén sumou a estas cifras “o preto dun millón de euros que tivemos que investir para entregar as Pousadas do Salnés á empresa concesionaria, que recibiron tras unha xestión desastrosa do anterior goberno con moitas eivas”.

O Plan Concellos, "o motor do cambio"

O Plan Concellos, cun total acumulado de 66,4 millóns de euros foi “o motor do cambio no Salnés”, posibilitando financiamento regrado e coñecido con antelación, ano tras ano. En Cambados fixéronse 70 obras (7,6 millóns de euros nos dous mandatos) para a humanización de rúas e a renovación de espazos e servizos públicos como a praza de Fefiñáns. Agora mesmo estase a financiar a mellora de camiños rurais e a pavimentación das rúas Pombal e Ribeira de Fefiñáns. En Catoira executáronse 19 obras (3,4 millóns de euros) que se traduciron en saneamento, a pavimentación de Gondar ou o acondicionamento das instalacións deportivas. Agora estase a financiar pavimentación de camiños e a impermeabilización da azotea da Casa do Concello. No Grove saíron adiante 51 obras (6,4 millóns de euros) para investimentos como o desdobramento de Beiramar, a humanización do Sineiro ou a reparación do paseo de Esteiro e Lordelo. Agora estase a reformar o cemiterio, pavimentar a rúa Monte da Vila e facer fronte ás obras da senda peonil de San Vicente e a rúa Alexandre Bóveda. Na Illa executáronse 14 obras (3,4 millóns de euros) para actuacións no Bao, o illamento do pavillón deportivo ou a reparación dun muro en Sapeira. Agora estase a financiar a reforma da Avenida de Castelao, que grazas a obter fondos DUS-5000 poderá empregar en novos proxectos. En Meaño financiáronse 29 obras con 3 millóns de euros para a mellora de acceso á igrexa de Sinas ou a nova praza pública de Dena. Agora mesmo estase afrontando a ampliación da vía a Pedreira-Barreiro-Picón e o ‘pump track’ de Faxín. En Meis o Plan Concellos posibilitou 49 obras (3,9 millóns de €) como a rehabilitación da Casa Reitoral e a mellora das redes de saneamento. Na actualidade estase investindo na rehabilitación do petróglifo de Outeiro do Cribo ou os convenios para a senda de San Salvador e a rehabilitación do pavillón deportivo.

En Pontecesures fixéronse 41 obras (2,9 millóns de euros nos dous mandatos) para actuacións que permitiron dignificar tramos do Camiño de Santiago (rúa Doutor Mosquera ou camiños en Infesta e Carreiras). Agora mesmo estase a financiar a mellora do parque infantil de Carreiras e diversas actuacións en rúas e vías. En Ribadumia executáronse 64 obras (3,8 millóns de euros) que se traduciron nunha ducia de obras saneamento ou a senda peonil de Leiro. Agora estase a financiar obras de dotación de servizos no lugar de Gándara e pavimentación e melloras de camiños en Cabanelas. En Sanxenxo saíron adiante 50 obras (9,3 millóns de euros) para a urbanización da zona do Revel, o embelecemento da contorna da capela do Santo, o novo centro social de Gondar ou a pista polideportiva cuberta de Nantes. Agora estase a humanizar a praza pública de Vilalonga. En Valga executáronse 23 obras (4,3 millóns de euros) para 7 grandes proxectos de saneamento no rural ou a construción dunha pista cuberta de pádel. Agora estase a financiar a creación dunha senda peonil e ciclable entre a rúa Dr. De Oya Salgueiro e O Carballiño e a mellora dos servizos na Avenida da Coruña. En Vilagarcía financiáronse 60 obras con 11,3 millóns de euros para a costrución da escola infantil de Vilaxoán ou o albergue do Carril, a humanización da rúa Camilo José Cela ou a reparación do campo de fútbol de Vilaxoán. Agora mesmo estase afrontando reforma do cemiterio de Rubiáns, a construción dun novo ‘skate park’ e a mellora do firma en vías municipais de varias parroquias. Finalmente, en Vilanova o Plan Concellos posibilitou 98 obras (6 millóns de €) como a substitución do céspede artificial no campo do Terrón ou 20 actuacións de pavimentación e mellora de camiños e vías. Na actualidade estase investindo na construción de parques infantís e o acondicionamento do andar baixo cuberta do centro de formación do Pazo de Vista Real.

Cos plans extraordinarios, O Salnés captou outros 12 millóns de euros para 15 grandes proxectos. A presidenta destacou que estes plans deron cobertura a grandes obras transformadoras para equipamentos e dotacións municipais, tamén con fondos repartidos en concorrencia competitiva e igualdade de condicións. Así financiáronse os proxectos do barrio da Laxe e a rehabilitación das Casas Modernistas na Illa, o Auditorio do Grove, o acondicionamento da Casa do Concello e o equipamento do CACTO de Catoira, a recuperación do espazo público cara á ría de Pontecesures, a reforma da Praza do Mosteiro en Meis, a mellora da mobilidade na contorna do CEIP de Portonovo en Sanxenxo ou a mellora da seguridade nos accesos á gardería, pavillón de campo de fútbol de Ribadumia. Agora mesmo están en execución actuacións da man do plan ReacPon, como a reforma do local para a biblioteca municipal de Vilagarcía, a construción da senda peonil e ciclable na Gándara de Campaña en Valga, a reforma do pavillón de Baltar en Sanxenxo, a humanización de Alexandre Bóveda no Grove, a rehabilitación da futura Casa das Artes de Catoira no antigo Concello ou a rehabilitación do centro deportivo para a mellora da súa eficiencia e salubridade en Meis.

Gran inversión nas estradas comarcais

As estradas provinciais do Salnés recibiron máis de 16,6 millóns de euros para executar 56 grandes obras de mellora da seguridade viaria, entre elas a transformación da Avenida Luis Rocafort (1,7 millóns) e a senda peonil da Lanzada desde o Pazo de Quintáns (910.000 €) en Sanxenxo, a Avenida de Castelao na Illa de Arousa (1,2 millóns), a estrada de San Vicente (857.000 €) e a senda aos Campos e á Gandariña (552.000 €) no Grove, a senda peonil Valga-Martores (463.000 €), a senda peonil da estrada das Sinas en Vilanova, fase I (273.000 €), a senda Cobas-Padrenda (537.000 €) en Meaño, a senda da Travesía de Meis a San Salvador (243.000 €) ou a senda de Coirón-Ribadumia-Leiro (225.000 €).

A Deputación xa ten redactado o proxecto da senda de Caldas a Vilanoviña, cun orzamento de 200.000 euros, en Meis. Están a piques de comezar, por 218.000 euros, as obras para a construción de cunetas transitables en 3 estradas provinciais de Cambados e as obras de reasfaltado completo da estrada entre A Ponte e as Laxes da Illa de Arousa (293.000 €). En Ribadumia urbanizarase a rúa Condesa (Barrantes) cun orzamento próximo aos 900.000 euros. En Catoira investirase 435.000 euros para a senda peonil da estrada Dimo-Coaxe e 215.000 € para a senda entre Catoira e San Salvador, e en Vilagarcía 68.000 € para a drenaxe transversal da estrada Vilagarcía-Cea-Castrogudín. Carmela Silva, que lembrou que a Deputación ten case 1700 Km de estradas, o que constitúe unha rede maior que a suma das estradas estatais e autonómicas na provincia, puxo tamén en valor os 209 redutores de velocidade e 112 pasos peonís sobreelevados construídos para “calmar o tráfico” en zonas urbanas ou semiurbanas, e os máis de 4,3 millóns de euros en conservación e mantemento.

Por outra banda, a Deputación xestionou case 5 millóns de euros de fondos europeos para mobilidade sostible (a senda Cobas-Padrenda de Meaño, a Avenida de Castelao da Illa, a senda da Lanzada en Sanxenxo), iluminación exterior sostible, iluminación sostible en BICs, mellora eficiente dos bombeos de saneamento, instalación de placas fotovoltaicas e aerotermia e modernización do punto limpo para a recollida dos residuos eléctricos e electrónicos en Vilagarcía. Ademais, consignou 446.335 euros en axudas COVID-19 para que os concellos puideran reforzar os servizos municipais esenciais e as necesidades sociais xurdidas coa pandemia. Neste punto lembrou que o Estado enviou moitos recursos á Xunta de Galicia, pero os concellos tiveron que loitar sos contra a pandemia co único apoio da Deputación.

O desglose da comarca

Por Servizos, no Salnés a área de Igualdade financiou 250 cursos e desenvolveu ducias de actividades. En Cohesión Social xestionáronse 6,2 millóns de euros para financiar os Servizos Sociais Comunitarios, as emerxencias sociais, a teleasistencia, actividades e apoio a 20 asociacións que desenvolveron 93 proxectos de integración social para fisioterapia, rehabilitación funcional de persoas con alzhéimer, servizos de ludoteca ou acompañamento a familias adoptivas e acolledoras, entre outros. En Emprego sacáronse adiante 304 iniciativas de formación para a inserción laboral de persoas vulnerables. O servizo de Turismo investiu 2,4 millóns de euros o apoio aos #RíasBaixasFest e festas de interese turístico, o fortalecemento do comercio local, a modernización da rede de oficinas turísticas ou a obtención de 90 selos de calidade para as empresas do sector turístico. A área de Transición Ecolóxica repartiu axudas a confrarías de pesca e cooperativas agrogandeiras, financiou o mantemento de campos de fútbol e desenvolveu os parques forestais de Catoira e A Illa de Arousa. Neste eido, súmanse tamén o máis dun millóns de euros destinados a fomentar a compostaxe co Plan Revitaliza. Na área de Cultura sacáronse adiante 2000 accións musicais, teatrais e audiovisuais para “democratizar” a cultura. Destacan os 51 actuacións do programa Musigal. O servizo de Patrimonio, Memoria e Lingua permitiu co seu apoio recuperar o petróglifo do Outeiro do Cribo en Meis, a dorna da Lavanqueira (A Illa) ou suprimir simboloxía franquista en Vilagarcía. A área provincial de Deportes repartiu 3,5 millóns de euros en achegas ao Salnés nestes 8 anos. Un total de 153 clubs, 97 deportistas e 26 escolas deportivas tiveron soporte financeiro da Deputación. Finalmente, a presidenta da Deputación significou que 9 concellos do Salnés dispoñen de Administración electrónica (e outros 4 de Padrón) co apoio da Deputación, un esforzo que mesmo mereceu o recoñecemento do Tribunal de Contas do Estado e o Consello de Contas de Galicia.