A Xunta dará un novo impulso ao saneamento da Ría de Arousa con catro actuacións

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, presentou hoxe as actuacións previstas para reforzar o sistema de saneamento dos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia e Cambados
Ethel junto a Luis López, Gonzalo Durán y David Castro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Ethel junto a Luis López, Gonzalo Durán y David Castro. GONZALO GARCÍA

Ethel Vázquez anuncia que a Xunta rematará 2022 cun novo impulso ao saneamento da Ría de Arousa poñendo en marcha catro actuacións que suman un investimento de máis de 18 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, presentou hoxe as actuacións previstas para reforzar o sistema de saneamento dos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia e Cambados.

Vázquez Mourelle salientou que o Goberno galego continua traballando para culminar o Plan de saneamento local da ría de Arousa e acadar a mellora da calidade das augas, polo que ás actuacións xa executadas suma outras novas para completar o programa.

Subliñou, en primeiro lugar, a licitación hoxe da mellora do bombeo e colector de Cabanelas, nos concellos de Cambados e Ribadumia, que recolle a Plataforma de Contratos da Xunta, cun importe de algo máis de 1M€. Apuntou que se prevé comezar os traballos no 1º semestre de 2023 e rematalos tamén o vindeiro ano, xa que teñen un prazo de 6 meses.

O obxectivo desta obra é solucionar as actuais deficiencias da estación de bombeo de augas de augas residuais de Cabanelas co fin de rematar cos frecuentes problemas de alivio e vertidos ao río Umia que acaban na ría de Arousa. Para isto, o proxecto contempla a modificación do trazado da impulsión dese bombeo para que verta directamente á depuradora de Ribadumia, sen pasar polo bombeo de Barrantes, como fai na actualidade. Ao mesmo tempo, acometeranse reformas nesas dúas estacións de bombeo para reducir as infiltracións de augas limpas aos colectores.

A conselleira informou de que as empresas interesadas neste proxecto teñen de prazo ata o vindeiro 30 de outubro para presentar as súas ofertas.

Explicou que o Executivo autonómico está a centrar os esforzos actualmente na zona sur da Ría, onde está programada a anterior intervención e o desenvolvemento doutros tres proxectos como o relativo ao saneamento e á depuración de Vilagarcía de Arousa.

Detallou que este contrato se vén de adxudicar para iniciar de forma inminente a renovación dos colectores, cun orzamento de 10 M€, que se completará coa construción da nova depuradora que se vai licitar proximamente. Así, sumarase un investimento de 33 M€ que permitirá eliminar ata o 97% dos vertidos contaminantes á ría desde ese municipio.

Ethel Vázquez tamén referiu o comezo neste outono da mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, cun investimento de 5,3 M€. Ademais avanzou que na 1ª quincena deste mes se prevén licitar as obras de mellora do saneamento municipal de Cambados, cun investimento de 1,7 M€.

Fixo fincapé en que a Xunta ten orzamento consignado e vontade de investir máis de 4 M€ na mellora do saneamento de Vilanova de Arousa, polo que lamentou que a Dirección Xeral da Costa teña bloqueado un proxecto imprescindible para mellorar as augas da ría e acabar co problema de vertidos. 

Todas estas actuacións serán cofinanciadas  con fondos europeos do programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Plan de saneamento da ría de Arousa, executado ao 80%

A conselleira de Infraestruturas enmarcou estas actuacións no Plan de Saneamento local da Ría de Arousa, que está executado xa por riba do 80%, ao permitir coñecer en profundidade os sistemas de saneamento municipais e as súas necesidades e programar os proxectos precisos.

Puxo en valor o investimento de 56M€ desde o ano 2009 en infraestruturas de saneamento e depuración  para a mellora da calidade das augas da ría de Arousa, dos cales máis do 80%, un total de 46 M€, foron achegados pola Xunta.

Concretou que xa se culminaron intervencións estratéxicas como a depuradora de Ribadumia, os colectores xerais e a EDAR do Grove ou de Corrubedo, en Ribeira.

Engadiu a estas obras un investimento de máis de 7 M€ que puxo a Xunta para financiar a única actuación estatal que se executou na ría de Arousa, é dicir, os colectores xerais e a EDAR de Ribeira, que supuxeron un orzamento global de preto de 18 M€.

Destacou tamén que a Xunta achegou 1,2 M€ ao saneamento do Saco de Fefiñáns, en Cambados, co que se conseguiu eliminar os vertidos de augas residuais neste punto e recuperar unha das zonas de marisqueo máis importante desta ría.

Sumou os 14 M€ correspondentes a obras que están na última fase da súa execución, como a mellora do saneamento de Rianxo, o novo colector e tanque de tormentas e a ampliación da depuradora.