O Parque Nacional das Illas Atlánticas reforzará o estado de conservación das raias

O obxectivo desta iniciativa é estudar os patróns de movemento e comportamento que determinan a conectividade das subpoboacións desta especie en resposta ás presións ambientais na contorna deste espazo protexido
Isla de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Illa de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entre as que se atopan Cortegada e Ons, participa no proxecto Conecte para avaliar e reforzar o estado de conservación das raias, desenvolvido polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), no marco do programa Proxectos de investigación científica na Rede de Parques Nacionais 2022.

O proxecto CONECTividade ecolóxica e papel do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia na conservación de elasmobranquios costeiros (CONECTE), cunha duración de tres anos, ten como obxectivo estudar os patróns de movemento e comportamento que determinan a conectividade das subpoboacións desta especie en resposta ás presións ambientais na contorna deste espazo protexido. 

Esta investigación, liderada por Alexandre Alonso Fernández, empregará metodoloxías innovadoras como a telemetría acústica, ferramenta que proporcionará estimacións continuadas dos movementos a nivel individuo durante longos períodos de tempo. Deste xeito, marcaranse 100 exemplares con emisores acústicos que emitirán un sinal cada pouco tempo, que se almacenará en receptores submarinos previamente fondeados na zona de estudo.

A maiores, tamén se aplicarán técnicas xenómicas, o que supón un avance no uso de novas aproximacións para o coñecemento e monitorización dos ecosistemas en augas abertas do parque.

Dentro do gran propósito global de coñecer o estado de conservación desta especie, os obxectivos específicos son identificar a conectividade tanto poboacional como xenética das especies de elasmobranquios costeiros que habitan na contorna de espazos mariños protexidos de augas atlánticas galegas; avaliar a eficacia das medidas de protección espacial existentes en base á evidencia científica obtida; identificar as necesidades de conservación baseadas na evidencia para propoñer novos ou modificar os existentes espazos protexidos e manter e fortalecer a conectividade espacial e incrementar o compromiso social na protección e conservación da nosa biodiversidade mariña.

Os datos obtidos coa investigación serán incorporados á European Tracking Network (ETN), iniciativa paneuropea para integrar todas as redes de seguimento acústico en funcionamento.