Os orzamentos de 2023 darán un forte impulso á sanidade pública do Salnés e Pontevedra

Destinaránse, entre outras moitas partidas económicas, un total de 63,9 millóns de euros para contuar coa execución do Novo Hospital Montecelo e 1.400.000 euros para o inicio da obra do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, cuxo proxecto está xa adxudicado
Hospital Salnés Vilagarcía. SAMUEL CARDALDA
photo_camera Hospital do Salnés. SAMUEL CARDALDA

A firme aposta da Xunta de Galicia pola Sanidade Pública en Pontevedra e O Salnés reflíctese nos orzamentos asignados a esta Área Sanitaria pola Administración autonómica para o vindeiro ano 2023. Así, destinaránse un total de 63,9 millóns de euros para contuar coa execución do Novo Hospital Montecelo -concretamente 61.970.030 euros para evolucionar arquitectónicamente coa obra de ampliación e outros 2 millóns para iniciar o proceso de compra de equipamento-.

De xeito complementario, dentro da partida orzamentaria de 11.972.644 euros do Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 para Galicia, está reservada unha dotación económica de 1.400.000 euros para o inicio da obra do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, cuxo proxecto está xa adxudicado. 

Así mesmo, dentro doutras partidas do Plan de Atención Primaria de 6.640.255 euros específicas para a construción de novos centros de saúde galegos e de 1.476.552 euros asignados para reformas, ampliacións e melloras de centros de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde na xeografía autonómica, a Xunta de Galicia tamén reservou unha partida económica de 250.000 euros para o proxecto do novo centro de saúde de Meis, unha vez que xa se asinou o convenio para a cesión da parcela adquirida por este Concello.

Así mesmo, para o proxecto de ampliación do centro de saúde de Baltar, no Concello de Sanxenxo, asignouse unha dotación económica para o vindeiro ano 2023 que acada os 400.000 euros, refrendando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia polo reforzo e potenciación das infraestruturas da Sanidade Pública na área de Pontevedra e O Salnés.

500.000 euros para licitar proxectos de futuros centros de saúde

Os orzamentos asignados a esta Área Sanitaria pola Administración autonómica galega para o vindeiro ano 2023 inclúen así mesmo outra partida complementaria de 500.000 euros para licitar proxectos de futuros centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria para cando algúns concellos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acheguen unha parcela axeitada -tales coma as localidades de Poio, Caldas de Reis, O Grove ou a ampliación do centro de Atención Primaria de Moraña (Concello este no que xa se asinou un protocolo coa Xunta de Galicia para iniciar os trámites urbanísticos que permitan a devandita obra)-.

Tamén se renovará unha das Resonancias Magnéticas no Hospital Montecelo, cunha partida económica adxudicada por importe de 1,1 millóns de euros. Dentro desta dotación de 50,6 millóns de euros para equipos de alta tecnoloxía en atención hospitalaria que consigna fondos para completar os pagos dos contratos licitados ao longo de 2022 cos fondos europeos Next Generation, hai unha partida que suporá tamén a renovación dun TAC no hospital comarcal do Salnés, adxudicado por un importe de 408.035 euros, no Distrito sanitario de O Salnés.