O obradoiro “Hostalería do Salnés” colabora con Cáritas un ano máis polo Nadal

As persoas que se achegaron ata o comedor social en Noiteboa puideron degustar uns pratos diferentes, cheos de sabor e preparados con moito agarimo
photo_camera El Obradoiro de Hostaleria do Salnés, con sede en Sanxenxo, colabora con el comedor social de Cáritas en una fechas tan señaladas. VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Como en edicións anteriores, e xa van 16, o obradoiro de emprego “Hostalería do Salnés” da Mancomunidade do Salnés cumpriu co convenio de colaboración que ten con Cáritas Interparroquial de Vilagarcía de Arousa polo Nadal: a elaboración dos pratos que as persoas usuarias de Cáritas degustan na cea de Noiteboa e Fin de Ano.

Esta é unha das colaboracións máis reconfortantes que se fai dentro dos diferentes servizos que leva a cabo o obradoiro de emprego e con ela pretendeuse que as persoas que se achegaron o día 24 de decembro ao comedor social puiderann degustar uns pratos diferentes, cheos de sabor e preparados con moito agarimo.

O menú chegou á cociña de Cáritas totalmente cociñado e preparado, tan só lle fixo falta un golpe de calor para que o prato fora servido ben quentiño.

Deste xeito, ademais de crear conciencia no alumnado da situación que están a pasar as persoas máis desfavorecidas, tamén se lle facilita a tarefa ao voluntariado que durante todo o ano colabora co comedor social.

Aínda que o día de maior traballo foi o día de Noiteboa, ao longo de toda a semana o alumnado do obradoiro xa estivo preparando o menú, posto que son 100 os que se ofrecen. Esta é unha semana na que reina o espírito de Nadal no obradoiro e na que se respira un ambiente de orgullo e satisfacción por poder realizar esta práctica culinaria solidaria e colaborar con esta organización social nunhas datas tan sinaladas.

A elección do menú para a Noiteboa foi o seguinte: empanada galega, filetes de lubina en salsa Colbert, rulo de polo recheo con salsa alemana e bandas de mazá.

A entrega a Cáritas Interparroquial de Arousa destas preparacións tivo lugar o sábado, 24 de decembro, ás 11:30 horas nas instalacións do obradoiro de emprego. A ela asistiu a directora de Cáritas Arousa, Mar Viqueira Villaverde, a presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez Barral, e o xerente deste último organismo, José Ramón García Guinarte.