"Sei que teño o agarimo da xente de Galicia, que mo demostra de moitísimas maneiras", dixo Luz Casal, este mércores pola noite, en Pontevedra. "Así que recibo este premio con moito gusto". E engadiu: "Vin moitísimo talento aquí esta noite. Hai moita diversidade. Deséxovos o mellor e, se teño que ser exemplo de algo, que sexa de perserveranza, porque cando amas a música non hai límite. Por 40 anos dedicados á música sen pausa e por case outros 40 que desexo que ocorran!".
Así recibiu Luz Casal o premio de honra dos X Premios Martín Códax da música galega man da presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, e do presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Antonio Allegue, no Pazo da Cultura. Con este galardón pechábanse unha gala que, como vén sendo habitual, tivo un marcado carácter reivindicativo.

Os primeiros catro premios da noite foron para Arrhythmia, na categoría de metal e heavy ("non facemos música por moda, senón por amor", dixeron); a viguesa Su Garrido Pombo, na de canción de autora, que recolleu o galardón moi emocionada ("aos programadores que non se deixan levar pola propaganda"); Udra, na de blues, funk e soul, e Terrae, na de electrónica, que apareceron coas máscaras que locen habitualmente mantendo así o seu anonimato.
Seguíronlle os recoñecementos a Quico Comesaña e o seu grupo, na categoría de folk; á formación Ailá, xurdida hai uns anos das foliadas do local compostelán Casa das Crechas, no apartado de tradicional; e a Ton Risco e Marcos Teira en músicas do mundo e mestizaxe co seu proxecto de vibráfono e guitarra.
Luz Casal: "Se teño que ser exemplo de algo, que sexa de perserveranza, porque cando amas a música non hai límite"
A Banda Cultural de Salceda foi considerada mellor banda de música popular e La Oca Band, de Vilalonga (Sanxenxo), mellor orquestra. Esta última animou a arriscar e facer temas propios a todas as orquestras.
Tamén recolleron galardóns a banda coruñesa Moura co seu rock progresivo e psicodelia, na categoría de rock; a artista viguesa residente en Madrid, Sila Lua, na de músicas urbanas, que lle dedicou o seu premio ás súas avoas, e o percusionista e artista sonoro de Lalín Mario G. Cortizo, na de música clásica e contemporánea, que reivindicou o papel dos músicos freelance.
Finalmente houbo premios para David Regueiro Trio e Alexandre Cavaliere, en jazz; a banda de Noia Momboi, na categoría de pop, e Pillaband, na de música infantil.

Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de salas, Galiciantunes na categoría de proxectos de comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de festivais. "Dá xenio ver o gremio así unido", dixeron os lucenses, que se mostraron especialmente duros coas políticas lingüísticas da Xunta de Galicia.
A gala estivo dirixida e presentada polo dúo Vaguedades, que forman os actores Isabel Risco (como Rosalía de Castro) e Fran Rei (como Eduardo Pondal), e inspirada no mundo do viño. Dende Músicas ao Vivo aproveitaron a entrega dos seus premios para reivindicar un maior compromiso institucional coa música galega. "É necesario fortalecer a contratación de proxectos galegos nas programacións culturais. Hai que poñer o talento galego no centro", afirmaron no seu discurso. Xa o representante de Sons de Breogán, que saíu entregar premios, lle pedira directamente ao conselleiro de Cultura un festival Son do Camiño integramente galego.
Os premiados
Metal e heavy: Arrhythmia
Canción de autor: Su Garrido Pombo
Blues, funk y soul: Udra
Electrónica: Terrae
Folk: Quico Comesaña + Grupo Música Tradicional: Ailá
Músicas do mundo: Ton Risco e Marcos Reira
Bandas de música popular: Banda de música de Salceda
Rock e punk: Moura
Música urbana: Sila Lúa
Orquestras: La Oca Band
Música contemporánea e clásica: Mario G, Coritizo
Jazz e músicas improvisadas: David Regueiro Trío Ft Alexandre Cavaliere
Pop e indie: Momboi
Música infantil: Pillaband
Artista emerxente: Sergio de Miguel
Salas: Sala Rebullón
Proxectos de comunicación: Galiciantunes
Festivais: Foliada da Fonsagrada
Premio de Honra: Luz Casal