A Illa e Vilanova recibirán medio millón de euros no marco do Plan Concellos

Os recursos provinciais irán destinados a financiar investimentos e afrontar o pago de gastos correntes e actividades socioculturais
Xunta de Goberno da Deputación. DP
photo_camera Xunta de Goberno da Deputación. DP

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos do Plan Concellos por 1,6 millóns de euros que beneficiarán a dez municipios da provincia. Trátanse de once achegas das Liña 1 de Investimentos e da Liña 2 de pago de gastos correntes e financiamento de actividades socioculturais, que nesta quenda van parar aos concellos de Baiona, Cangas, A Estrada, A Illa de Arousa, Marín, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Silleda e Vilanova de Arousa.

No que se refire á Liña 1 de Investimentos, aprobáronse catro achegas por preto dun millón de euros, das que Vilanova de Arousa recibirá unha importante achega (387.315€) para o reforzo de firme de viarios municipais, lamentando que “este é o único concello que nunca recoñece que as grandes transformacións que se están a facer son tamén con fondos da Deputación”. 

Por outra banda, da Liña 2 a Xunta de Goberno deu luz verde a sete achegas, entre elas a de A Illa de Arousa, cunha achega de 131.657€ para financiar o gasto corrente da prestación de servizos municipais.