A Deputación subvenciona as escolas de música de Ribadumia e Vilanova

Carmela Silva: “Xunto con Valencia, somos unha grande referencia, as nosas bandas de música son as máis numerosas de todo o Estado” 
 
Carmela Silva en la presentación de Tornar ás Táboas
photo_camera Carmela Silva, presidenta da Deputación. DP

A Deputación de Pontevedra continúa o seu papel de “axente democratizador” da Cultura  ao aprobar, en Xunta de Goberno, a adxudicación das subvencións as escolas de música da provincia que dependen de asociacións sen ánimo de lucro. A convocatoria deste ano ascende a 90.000 euros, 10.000 euros máis que o ano anterior.

Con estas achegas veranse beneficiadas 25 entidades de 19 concellos e con elas poderán financiar os seus gastos de funcionamento. As achegas foron concedidas en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta o número de matrículas e de docentes, así como o orzamento de gasto de cada escola. Tódalas entidades solicitantes obtiveron a axuda provincial. Na comarca do Salnés financiaranse as Pre-escolas de Música dos concellos de Ribadumia e Vilanova.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que “hai anos que os concellos que teñen escolas de música viñeron pedirnos apoio” para a súa financiación, polo que dende a Administración provincial decidiron facer fronte a esta necesidade. “Consideramos que a formación musical é fundamental para construír unha sociedade onde a cultura sexa un elemento prioritario”.

Por iso, Carmela Silva quixo por en valor que “xunto con Valencia, nesta provincia somos unha grande referencia; as nosas bandas de música son ás mais numerosas de todo o Estado”. Froito disto, continuou, xorden grandes os músicos e músicas que temos na provincia, “polo que, como presidenta da Deputación, estou encantada de financiar as escolas, por apostar pola cultura e pola música como instrumento fortalecedor da sociedade.”.