Catro concellos do Salnés beneficiaranse de achegas do Plan Concellos e fondos europeos

O Grove, Meis, Vilagarcía e Ribadumia serán os participantes comarcais nos programas do ente provincial
 Carmela Silva presenta la campaña de Fitur. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carmela Silva. GONZALO GARCÍA

A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar preto de 3,8 millóns para 25 concellos da provincia: 2,5 millóns do Plan Concellos e 1,3 millóns procedentes de fondos europeos para seguir impulsando a transformación dixital do turismo a través do programa Tourist Inside II e para a eficiencia enerxética dos servizos de abastecemento de augas residuais. A presidenta da Deputación Carmela Silva informou que serán os concellos de Baiona, Barro, Caldas, A Cañiza, Gondomar, O Grove, Marín, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vilagarcía os que se beneficien destas achegas do Plan Concellos e de fondos europeos, Next Generation para o proxecto Tourist Inside II e FEDER a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía). Con estes recursos, a Deputación transformará 7 oficinas turísticas da rede Info Rías Baixas e os concellos impulsarán novas dotacións e mellorarán outras xa existentes, recuperarán espazos públicos, afrontarán gastos correntes e prestarán servizos públicos máis sostibles. 

No marco do Plan Concellos son 13 as achegas que se aproban esta semana para 12 concellos da provincia por valor de 2,5 millóns. Na liña 1 de investimentos benefícianse, na comarca do Salnés, Ribadumia (248.000 € para a ampliación e mellora do punto limpo -176.000 €- e a mellora de camiños nas Quintáns -72.000 €-), e Vilagarcía (174.000 € para a mellora da accesibilidade ao centro de formación de Matosinhos).

Oito concellos aforrarán un 30% de enerxía no abastecemento de augas residuais

O ente provincial tamén aproba esta semana destinar máis de 709.000 € para que oito concellos da provincia poidan desenvolver actuacións de mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de abastecemento de augas residuais. Os proxectos están financiados nun 80% polo IDAE no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 e permitirán un aforro enerxético do 30%. Os concellos beneficiados na comarca do Salnés serán Meis (87.000 €), e O Grove (85.000 €). As obras de modernización das instalacións de auga permitirán a substitución de equipamentos como bombas, cadros de mando ou sistemas de arranque, e a incorporación de novos dispositivos de sensorización, caudalímetros, rototamices, sondas de osíxeno ou variadores de frecuencia nas instalacións de abastecemento e depuración de augas residuais. “Seguimos avanzando nunha cuestión fundamental: ter instrumentos que nos permitan o control de auga, un recurso que é escaso e no que cada vez temos que investir máis”, asegurou Carmela Silva.