'Depo Actívate' encherá a comarca de actividades deportivas entre xuño e outubro

A Deputación programa un total de 13 accións, das cales 3 realízanse no Salnés, para gozar de deporte e natureza coas “Depo Andainas”, “DepoRutas BTT”, “Depo Auga” e “Depo Orienta”
(20230210_JLO_0092.JPG)  Salnes Miradores O Grove Siradella y Con da Hedra 12445
photo_camera Miradoiro de Siradella en O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa do lanzamento da programación dunha nova edición do programa Depo Actívate, co que a institución provincial agrupa cada ano todas as súas actividades encamiñadas a fomentar o deporte e o turismo deportivo e a difundir o patrimonio natural e cultural da provincia de Pontevedra. Deste xeito, renóvanse os programas Depo Andainas, DepoRutas BTT, Depo Orienta e Depo Auga, cun total de 13 actividades que se celebrarán entre os meses de xuño e outubro, das cales 3 terán lugar na comarca do Salnés. Ademais, en Depo Actívate, cun orzamento de 4 millóns de euros, tamén se inclúe a liña Depo Promo de promoción de eventos deportivos singulares e as liñas de axudas aos clubs da provincia.

Silva explicou que Depo Actívate ten cinco eixos de traballo: “turismo activo; economía sostible; fomento de grandes eventos; máis deporte, máis saúde e máis natureza; e deporte como sinónimo de mulleres”. E avanzou que cada unha das actividades deportivas incluídas no programa contarán con 200 prazas agás as de Depo Auga, onde se ofrecerán 32 prazas por quenda, e para todas elas a participación será gratuíta.

No marco das Depo Andainas, a Deputación organiza este ano 2 camiñadas no Salnés que este ano serán temáticas e que, como lembrou a presidenta, “non son só rutas de sendeirismo, senón unha forma de vivir e de coñecer os lugares máis espectaculares da provincia”. Así, as actividades serán a ruta do miradoiro da Siradella no Grove, o 10 de setembro (apertura de inscricións o 24 de xullo), e a ruta do Viño Rías Baixas en Cambados, o 8 de outubro (apertura de inscricións o 11 de setembro).

A Deputación tamén segue apostando pola modalidade deportiva da orientación trala boa acollida das anteriores edicións de Depo Orienta, onde se poderá practicar este deporte en familia para gozar da natureza. A ruta comarcal terá lugar na Illa de Arousa o 15 de outubro (inscricións desde o 18 de setembro).