A Deputación destina 740.000€ para infraestruturas deportivas en Arousa

Os concellos poderán adquirir terreos, construír, mellorar ou mercar equipamentos e material
Obras de rehabilitación no pabellón de Mosteiro en Meis durante o pasado ano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras de rehabilitación no pabellón de Mosteiro en Meis durante o pasado ano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Deputación de Pontevedra destinará preto de 740.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas a Vilagarcía, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Valga e Vilanova. Con este novo programa estes concellos, cuxa poboación conxunta ascende a preto de 105.000 habitantes, poderán destinar recursos a construír e mellorar instalacións deportivas, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar equipamentos ou material.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende a 4 millóns de euros aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. As bases do plan, que veñen de ser publicadas o pasado 22 de decembro no Boletín Oficial da Provincia, establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos (1,2 millóns de euros)  e noutra variable en función da poboación (2,8 millóns de euros).

Deste xeito, o concello de Vilagarcía pode beneficiarse de máis de 206.000 euros, o de Cambados de preto de 88.000€, Catoira de máis de 36.000€, O Grove preto de 74.000€, A Illa máis de 44.000€, Meaño máis de 46.000€, Meis de preto de 44.000€, Pontecesures de máis de 35.000€, Ribadumia de preto de 46.000€, Valga de ata 49.000€ e Vilanova de preto de 71.000€ para construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.

As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que os concellos terán tres meses dende a publicación da convocatoria para presentar os proxectos de orzamentos destas actuacións deportivas, que deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.