A Deputación destina preto de 50.000 a 12 entidades do Salnés para proxectos sociais

Os colectivos beneficiados poderán abordar, entre outros, programas de atención a persoas con autismo, TDAH, de promoción da calidade de vida das persoas maiores ou de reparto de alimentos a familias en situación vulnerable

Voluntariado do Banco de Alimentos Rías Baixas de Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Voluntariado do Banco de Alimentos Rías Baixas de Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas para 12 entidades da comarca do Salnés que traballan no ámbito social, cun investimento total de preto de 50.000 euros. Estas axudas servirán para financiar distintas actuacións que estes colectivos desenvolven para axudar a persoas en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade social desde os concellos de Sanxenxo, Vilagarcía, Valga e Vilanova de Arousa.  

As contías destas achegas oscilan entre os 963 e os 5.568€. No Concello de Vilagarcía son nove as entidades beneficiadas. Trátase da Asociación Autismo Bata, que poderá financiar un programa de apoio en contextos naturais dirixido a persoas no espectro do autismo; a Asociación Con Eles, para desenvolver proxectos de mellora da calidade de vida e de musicoterapia para persoas con discapacidade intelectual; a Asociación de Padres del Centro Os Mecos para abordar un servizo de ocio en verán para favorecer a integración social dos nenos e nenas con autismo; a Asociación Galega de Linfedema (AGL), que financiará un programa de fisioterapia especializado para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema; a Asociación Lar Pro Salud Mental de Familiares, Amigos y Enfermos Mentales, para realizar o programa ‘Aprendendo a pensar mellor: adestramento en metacognición’; a Asociación TDAH Salnés, para realizar as VII Xornadas Anuais ‘Ti tamén formas parte do TDAH’; a Fundación Acción contra el Hambre, para o programa Vives Emprega Pontevedra; a Fundación Amigos de Galicia, para o proxecto Ponte co Emprego 2023 e a Fundación Asilo Hospitalillo Sagrado Corazón de Jesús, que aborda un proxecto de promoción da calidade de vida das persoas maiores desde unha atención integral.

Por outra banda, en Sanxenxo a Asociación Banco de Alimentos Rías Baixas terá unha achega para financiar o reparto de alimentos a ONG, Cáritas, comedores sociais e familias en situación de vulnerabilidade, mentres que en Vilanova a Asociación Cultural O Castro de Baión recibirá unha subvención para a creación dun espazo multinclusión. Por último, en Valga a Asociación de Persoas con Discapacidade dos Vales Ulla-Umia (Asdivalu) desenvolverá o proxecto ‘Explorando cos sentidos’.