A Deputación e CSIC actuarán nos xacementos de Cambados e Vilagarcía

A Illa de San Sadurniño e o Castro Alobre serán os lugares nos que se afondará na riqueza arqueolóxica ▶ As institucións difundirán o patrimonio cun ciclo de conferencias
Rolda accións convenio INCIPIT 2
photo_camera Carmela Silva e César Parcero na presentación do proxecto. DP

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o investigador do CSIC-INCIPIT César Parcero presentaron esta semana en rolda de prensa o proxecto que ambas institucións van desenvolver neste 2023 e 2024 no marco do convenio para a realización de actividades para a difusión, protección e fomento do valor cultural dos bens patrimoniais da provincia, dotado de 270.000 euros. Constará de intervencións en espazos de interese arqueolóxico, charlas e conferencias e a recuperación de materiais do Castro de Bendoiro.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou o proxecto como “dun enorme valor” e asegurou que a institución está “encantada de traballar co INCIPIT para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da provincia, que é marabilloso e único”. A presidenta avanzou que “este proxecto terá continuidade, porque todo o traballo desenvolvido deunos moito coñecemento”, e lembrou a ligazón entre este e a campaña turística 2023 Orixe Rías Baixas. “Hai centos e miles de anos aquí xa houbo xente que deixou a súa cultura ou o seu patrimonio. Recuperamos a orixe da man dunha institución con moito coñecemento acumulado, que nos permite facer as cousas ben”, concluíu. A presidenta tamén puxo en valor o “carácter democrático” do proxecto, xa que “contactamos cos concellos con xacementos para informalos do proxecto, e aqueles que mostraron interese foi cos que acordamos os lugares de intervención”. Pola súa banda, o coordinador César Parcero asegurou que este convenio “é unha achega moi interesante, por parte dun organismo público, para axudar os concellos e a cidadanía a coñecer mellor os sitios patrimoniais do seu arredor e darlles un valor social que enriqueza as súas formas de vida”.

Tres liñas de actuación para afondar na riqueza arqueolóxica da provincia

A principal liña de actuación incluída no actual proxecto é a de intervención en espazos de interese arqueolóxico da provincia. Entre 2023 e 2024, o persoal do INCIPIT fará oito actuacións de campo, catro xa neste ano na Illa de San Sadurniño (Cambados), as Torres de Oeste (Catoira), Castrolandín (Cuntis) e os Chozos do Alén (Fornelos). Xa no 2024 actuarase no Castro de Garellas (Forcarei), os Petróglifos de Gargamala (Mondariz), o Cano dos Mouros (Oia) e Castro Alobre (Vilagarcía)

Os xacementos foron escollidos entre as propostas que presentaron os concellos a unha convocatoria aberta, transparente e con concorrencia competitiva. Serán intervencións de mínima invasión, capaces de proporcionar información sen producir grandes impactos con técnicas como a teledetección con drons ou prospeccións xeofísicas do subsolo. Ademais, estudaranse materiais de intervencións recentes, ou que se conserven en museos da provincia (Museo de Pontevedra), organizaranse charlas ou visitas guiadas e tamén montaxes expositivas.

A segunda liña é a de charlas e conferencias para a divulgación do coñecemento científico á sociedade en sete centros de ensino e dous centros públicos. Carlos Otero Vilariño impartirá a conferencia “Banquete na Lanzada (dieta e cultura material galaica)” no IES de Vilalonga (Sanxenxo).