Daniel Froiz: "'Matria' é unha película que non te deixa respirar"

Despois da súa estrea na Berlinale e do premio a María Vázquez (como mellor actriz) no Festival de Málaga, Matria, rodada no Salnés, chega este venres ás salas de toda España (estrea nos cines Gran Arousa) marcando un fito para o cinema galego: arranca con 60 copias, todas en versión orixinal. O cómplice do director Álvaro Gago para sacar adiante este proxecto foi o produtor pontevedrés Daniel Froiz

 O produtor de cine pontevedrés Daniel Froiz no Café Savoy. DAVID FREIRE
photo_camera O produtor de cine pontevedrés Daniel Froiz no Café Savoy. DAVID FREIRE

Esgotado, pero feliz, di Daniel Froiz (Pontevedra, 1978) que chega ao desembarco nos cines de Matria, a película de Álvaro Gago que se estrea esta fin de semana. "Creo que este é o traballo de promoción máis intenso que teño enfrontado", confesa. "Pero é marabilloso ver o interese que está espertando a peli. É algo que se palpa e é moi emocionante". A produtora de Froiz, Matriuska (Las altas presiones, La estación violenta), está detrás deste filme, que naceu a partir dunha curtametraxe premiada no Festival de Sundance na que xa se desmontaba o mito do matriarcado galego. "Claro que estou especialmente orgulloso desta película. Como non vou estalo!".

Como se xesta a produción de Matria?
A min hai todo un tipo de cine independente e de autor que me interesa. Así que, cando coñecín a Álvaro Gago, díxenlle iso mesmo, que me encantaba o tipo de cine que facía e que me gustaría colaborar con el nalgún proxecto. E efectivamente, algún tempo despois, el chámame e dime que, se o que lle dixera ía en serio, ten un proxecto: a longametraxe de Matria. As primeiras reunións de traballo foron coa produtora Mireia Graell. Xuntos establecemos as bases do que sería a coprodución, que despois se ampliaría coa introdución de María Zamora, de Avalon, coa que eu xa viña traballando [na película ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres], e de Elastica Films. Así que finalmente fomos catro produtores, aínda que os galegos corremos coa maior parte. Outra cuestión fundamental á hora de encontrarnos Álvaro e máis eu foi o equipo. Viñámolo compartindo Matriuska e el sen querer. Xavier Souto no son, Lucía C. Pan na fotografía, Silvia Fuentes na xefatura de produción... Este equipo marabilloso xa nos unía aos dous. Tiñamos que acabar traballando xuntos si ou si.

Tiñan detrás toda esa presión que supón adaptar unha curta que recibira o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance. 
Tiñamos a presión do premio en Sundance e tiñamos a responsabilidade que supón retratar unha realidade con respecto. Recoñezo que agora, cando penso que todo aquel proceso inicial da película, me parece precioso. Aprendín moitísimo tanto do traballo con Álvaro como coas outras dúas produtoras, Mireia Graell e María Zamora, que me fixeron sentir moi arroupado. Foi unha experiencia enriquecedora, tanto polo que se refire á parte creativa, como á digamos financieira, que tamén ten moito de creativo. Porque ao mesmo tempo que se está desenvolvendo o guión estase desenvolvendo todo un plan económico na procura de apoios. No noso caso, Movistar, Televisión Española, Xunta de Galicia, ICAA, Televisión Española, Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra... 

A figura de María [Vázquez] emerxeu todo o tempo sobre calquera outra por profesionalidade, pola maneira que tiña de entender a Ramona e por ser ela como é

O futuro de Matriuska pasa por realizar coproducións coma esta?
Non penses que hai anos a coprodución era algo que me atraese. Tomar decisións nelas custa moitas veces o dobre ou o triple para acadar o mesmo resultado. O traballo duplícase e todo se volve moito máis tedioso. Pero agora penso diferente. Se dás cos compañeiros de viaxe adecuados, unha coprodución pode facer medrar moitísimo un proxecto. Porque é un vínculo moi forte o que se establece no equipo que fai unha película. O que pasa é que, como na vida, hai que rodearse de xente que suma. Se dás con esa xente, é marabilloso. Neste caso sucedeu. 

A actriz María Vázquez leva o peso da película ás súas costas. Foi importante dar con ela para interpretar a Ramona?
María estivo aí dende o principio, que eu lembre. Dende a primeira conversa con Álvaro. Estaba na nosa cabeza case como un seguro de vida. Sabiamos que ía funcionar. Penso que o traballo de casting, en xeral, é fantástico. Pero é que a figura de María emerxeu todo o tempo sobre calquera outra por profesionalidade, pola maneira que tiña de entender a Ramona e por ser ela como é. E isto último, para min, é básico. E dígoche unha cousa: foi unha pasada traballar con ela. 

Esta película está por enriba de calquera prexuízo co idioma. Quérena nas salas, quérea o público... Mira ti, resulta que, ao final, a lingua non era un problema. Dá que pensar

A película réndelle homenaxe a todas as Ramonas do mundo obrigando ao espectador a sentir na cara o alento da protagonista dende o minuto un ata os títulos de crédito. 
O enfoque de Álvaro neste sentido é marabilloso. Que importante é o punto de vista. Ese é o gran traballo dun director ou directora: onde se coloca para contar unha historia. Álvaro consegue o que consegue porque ten un talento incrible e porque estudou moitísimo este tema. Hai que pensar que Galicia é un territorio que visitaron antropólogas e historiadoras atraídas por ese falso mito do matriarcado. Cando chegaban aquí recibían unha boa hostia de realidade porque o que atopaban eran mulleres especialmente sometidas por moitas e diferentes razóns. Álvaro é capaz de situarse nun lugar especial, no que non xulga a ningún dos personaxes. O resultado é unha película moi honesta. Ese é o seu gran mérito xunto con ese guión e esa montaxe que fan de Matria unha película que non te deixa respirar. Estás todo o tempo pegado a Ramona e a esa tensión do seu día a día. Así foi que, nos pases que fixemos ata agora, as salas se encheron de emocións. Iso é moi bonito.

Tiveron que enfrontar moitos prexuízos polo uso do idioma ou este é un tema superado?
Os prexuízos existen na industria. Isto é así. Eu dinme de cabeza contra eles moitas veces. Pero esta película está tan por encima diso que non hai prexuízo que valla. Quérena nas salas, quérea o público... Mira ti, resulta que o idioma non era un problema. Dá que pensar. Sabes que pasa? Que Ramona ten de seu esa oralidade tan fermosa. Fala así. E, se non falara así, non sería a mesma personaxe. Iso é indudibable. Non ten sentido poñer a falar a xente nun idioma que non é o seu. Para min polo menos. Por iso era básico facer unha estrea en toda España en galego. Sen medias tintas. Esta é a nosa película para o que a queira ver. Foi unha loita de Álvaro e de Matriuska. E aí está. Creo tamén que propostas como Alcarràs ou O que arde, neste sentido, axudaron a abrir camiño cos distribuidores.

ESTREA CON 60 COPIAS EN GALEGO
A película Matria, dirixida por Álvaro Gago e protagonizada por María Vázquez, marca un fito do cinema de Galicia ao estrearse con 60 copias en versión orixinal en lingua galega en cines de toda España (O que arde, de Oliver Laxe, fíxoo no seu día con 49). Entre outras, poderase ver nas salas de Cinexpo en Pontevedra, nas de Gran Arousa en Vilagarcía e nas de Multicines Norte e Gran Vía, en Vigo.