Cinco concellos do Salnés contarán con zonas de descanso intelixentes

Os concellos beneficiarios son os de Meaño, RIbadumia, a través do proxecto Da túa man, e Sanxenxo, Cambados e O Grove, a través de Commerce Inside ▶ Algunas instalacións estarán dotadas con cargadores solares, puntos de recarga para teléfonos e dispositivos dixitais, asentos, iluminación e xardineiras, mentres que outras tan só contarán con xardineiras
Unha das zonas de descanso intelixentes. CEDIDA
photo_camera Unha das zonas de descanso intelixentes. CEDIDA

Ao longo dos últimos meses, a Deputación de Pontevedra instalou diversas áreas de descanso en 20 concellos da provincia ao abeiro dos proxectos Da túa man, dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e Commerce Inside, dirixido a concellos turísticos. Os proxectos, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70% do orzamento, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade. 

Os concellos beneficiarios son os de Moaña, A Cañiza, Gondomar, Meaño, Silleda, Ribadumia, Poio, Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño, no caso do proxecto Da túa man, e Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove, a través de Commerce Inside. Todas eles contan xa con zonas de descanso en diferentes localizacións dos municipios, que serán entregadas para a xestión municipal nos vindeiros días. Na gran maioría dos casos, están dotadas con cargadores solares, puntos de recarga para teléfonos e dispositivos dixitais, asentos, iluminación e xardineiras, mentres que noutros tan só contarán con xardineiras.

Por outra banda, un amplo porcentaxe destas novas áreas verdes de descanso está dotado con paneis informativos luminosos de baixo consumo que mostrarán toda a información precisa sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes na mesma, impulsando desta maneira a comunicación dos espazos comerciais destes 20 municipios e dotándoos dunha imaxe personalizada, para caracterizalos así como un espazo único e homoxéneo. Toda a información dispoñible poderá consultarse a través dun código QR e cargaranse con enerxía solar.

Ao instalar estas áreas, a Deputación buscaba favorecer os procesos de compra, embelecer a contorna comercial, crear novos puntos de reunión vinculados ao comercio, mellorar a experiencia de compra das persoas consumidoras, garantir a accesibilidade universal para todas as persoas e promover a utilización de enerxías renovables a través de cargadores solares. 

Na seguinte fase de ambos proxectos instalaranse dúas illas ecolóxicas en cada un dos municipios, que contarán con colectores para o depósito dos diferentes residuos urbanos, fomentando a reciclaxe destes ao tempo que estes novos ecopuntos se integran na contorna, mellorando desta maneira a estética da zona. Ademais, no caso dos concellos de “Da túa man” instalaranse puntos de recollida intelixentes con “smart lockers” para transformar os principais puntos de venda ou se desenvolverá un sistema de recollida de pedidos de forma colaborativa para impulsar os procesos de compra, entre outras actuacións.