Carmela Silva, orgullosa das candidaturas socialisas en Arousa

A presidenta do PSdeG afirma que hai un “proxecto sólido e do século XXI” en cada concello e en toda a comarca
Carmela Silva xunto aos alcaldables socialistas de Arousa. DS
photo_camera Carmela Silva xunto aos alcaldables socialistas de Arousa. DS

O Partido Socialista aspira neste próximo 28 de maio a que a comarca arousá, onde xa ten unha forza municipal hexemónica, conte con “aínda máis gobernos da xente”. Así o afirmou a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, durante o acto celebrado coas cabezas de lista celebrado na praza de España, de Meis. Carmela Silva amosou o seu orgullo de poder concorrer ás próximas Eleccións con candidatos e candidatas “con proxectos municipais do século XXI” como Alberto Varela, en Vilagarcía; Marta Giráldez, en Meis, LuÍs Arosa, na Illa de Arousa; José Cacabelos, no Grove; Samuel Lago, en Cambados; Javier Mougán, en Ribadumia; María Vales, en Vilanova; Pablo Portas, en Meaño; Ainhoa Fervenza, en Sanxenxo e Alberto García, en Catoira.

Carmela Silva afirmou que son mulleres e homes solventes, que se teñen gañado a pulso o respecto da xente co seu traballo constante sempre a prol dos seus respectivos concellos. Amosou tamén o seu orgullo por tódalas persoas que forman parte das candidaturas “ata o último dos e das suplentes:  persoas con valores, que dan o paso e súmanse a este proxecto ilusionante”. “O contraste co Partido Popular, que parece un barco á deriva, é evidente”. “Chegan moi mal a estas Eleccións e van saír peor, porque a xente viu con claridade que non teñen nada que ofrecer”.

Na súa intervención destacou que o Partido Socialista concorre cun proxecto claro para todos e cada un dos concellos, baseado na recuperación do espazo público, no reforzo dos equipamentos e dotacións para levar a cultura a toda a cidadanía, no respecto polo medio ambiente, no turismo sostible e non masificado, nas políticas sociais e na igualdade no centro de tódalas decisións.

A Mancomunidade, mellor que nunca

A presidenta felicitou aos candidatos e candidatas socialistas por ter conseguido que a Mancomunidade do Salnés “funcionase como nunca antes gracias á súa capacidade de escoita”. “Arousa é hoxe un territorio máis compacto e máis cohesionado, no que se teñen dado grandes avances e iso débese a que hai un proxecto de comarca con alcaldes e alcaldesas que saben mirar máis alá dos seus límites municipais e sumar forzas polo ben común”, afirmou.

A presidenta destacou que as arousás e arousáns tomaron nota de quen intentou partir a mancomunidade e de quen nin sequera quixo colaborar para poñer en marcha a Vía Verde do Salnés, que naceu gracias á implicación da Deputación cos concellos “e a pesar dunha Xunta que puxo paus nas rodas dende o primeiro ao último momento”.