O BNG denuncia o desmantelamento da sanidade pública na área sanitaria Pontevedra – O Salnés

A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, levou ao Parlamento a situación de “botón do pánico” dunha área sanitaria “que é o punto cero dos recortes do PP”, “non hai en toda a área ningún centro de saúde ou PAC que funcione con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden”, criticou á Consellería de Sanidade

Montse Prado, responsable de Sanidade do BNG, analizou a situación da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. DS
photo_camera Montserrat Prado, responsable de Sanidade do BNG, analizou a situación da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. DS

O BNG volveu denunciar na Cámara o colapso da área sanitaria Pontevedra – O Salnés, unha área onde centos de persoas non poden pedir cita médica, non teñen persoal facultativo asignado e na que nos 9 PACs da área non hai profesionais, con quendas enteiras sen dispoñibilidade de médicos ou médicas.

A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, emprazou ao Goberno do PP a cumprir as súas funcións e facer fronte a esta situación de “botón do pánico” mediante un  Plan de Continxencia para a Área Sanitaria Pontevedra-Salnés “para facer fronte a esta situación de desatención, coas medidas de planificación e reforzos postos en marcha polo Sergas”, argumentou, cun maior número de profesionais contratados para o reforzo dos os servizos e para anticipar e atender axeitadamente ao elevado número de doentes nos servizos de urxencias hospitalarios da Área Sanitaria.

Prado recriminou que a asistencia sanitaria en Galiza dependa da "sorte" e do azar, algo que pon en risco a saúde dos galegos e galegas. Denunciou que esta sexa “o punto cero dos recortes do PP” e fixo mención a varias situacións que amosan unha situación grave, de urxencia, “onde se pon en risco a vida das persoas” xa que, criticou, “non hai en toda a área ningún centro de saúde ou PAC que funcione con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden”.

A parlamentaria nacionalista fixo alusión á situación de precariedade e risco para a saúde da veciñanza con casos concretos como o da noitiña deste luns “na que os pais dunha crianza de curta idade acoden ao PAC de Caldas ao ver que respira con dificultade, atópanse con que non hai médico no mesmo, só persoal de enfermería, diante da gravidade o 061 mobiliza ambulancia de soporte vital avanzado no hospital do Salnés, nesta vez chegaron a tempo, a pregunta é si na seguinte vai haber sorte”. Fixo referencia á saturación, tamén, do 061, que recibiu indicacións de derivar a Urxencias do hospital do Salnés, sen TAC operativo, aos doentes de Sanxenxo, O Grove, Caldas, Cuntis, Moraña e Meaño.

De feito, denunciou a portavoz de Sanidade, no concello de Carballedo dende o 14 ata o 20 de decembro non houbo facultativo. No hospital Montecelo, relatou, houbo colapso nas Urxencias na fin de semana do 10 e o 11 de decembro, “con 40 doentes pendentes de ingreso, sen camas, mentres mantiñan pechadas 15 en medicina interna do hospital provincial, sen padiolas, sen cadeiras de rodas, sen camas”. Unha situación, en definitiva, que BNG leva denunciando en numerosas ocasións xa o colapso da Atención Primaria “está producindo unha forte presión nas urxencias hospitalarias”, criticou.

Fronte este modelo precarizador do PP, “ao servizo da sanidade privada”, recriminou Prado, urxiu a dotar aos cadros de persoal “co número de profesionais precisos para prestar un bo servizo e unha boa calidade asistencial” e a presentar de inmediato no Parlamento “un plan específico para solucionar a situación permanente de alarma sanitaria que vive dende hai meses Pontevedra – O Salnés” e emprazou ao Executivo dos Populares “un estudo urxente sobre as consecuencias en termos de mobilidade e mortalidade na poboación da área sanitaria Pontevedra-Salnés  dos déficits na atención sanitaria”, compromisos rexeitados polo voto negativo do PP na comisión de Sanidade.