Tres centros escolares do Salnés participan en "Radio na Biblio"

O IES de Meaño, a EOI de Vilagarcía e o IES A Basella de Vilanova de Arousa súmanse a esta iniciativa, da que recibirán 2.000 euros, co obxectivo de crear emisoras ou laboratorios cos que favorecer as competencias do alumnado ▶ Enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas escolares para promover un uso responsable da información en múltiples formatos

Escuela Oficial de Idiomas Vilagarcía EOI. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía forma parte do Plan. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Galicia vén de incorporar 30 novos centros educativos no programa Radio na Biblio, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades se eleva a 167 neste curso. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Entre eles atópanse o IES de Meaño, a Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía e o IES A Basella de Vilanova

O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. 

No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500€ cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.

Plan LÍA

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.

Bibliotecas solidarias

Tamén no marco do Plan LÍA, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de convocar o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, co obxecto de estimular e recoñecer o voluntariado cultural entre o alumnado e as súas familias. Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude.

No caso dos centros de Primaria seleccionaranse un máximo de 10 experiencias de voluntariado cultural dentro ou fóra do centro, desenvolvidas por escolares de 5º e 6º desta etapa educativa. No caso dos de Secundaria e outras ensinanzas, poderán solicitalo as bibliotecas dos centros cuxo alumnado participe en actividades de colaboración relacionadas coa biblioteca ou de lectura compartida ou traballo coa información, dentro e fóra do propio instituto. Os estudantes recibirán un diploma outorgado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Dentro deste programa tamén se convoca o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, un recoñecemento ao labor das bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Poderán solicitalo todas as etapas educativas e outorgaranse un máximo de 15 selos de recoñecemento.