14 proxectos de mulleres do Salnés recibirán axudas no marco do Programa Emega

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade favorecerá a consolidación ou creación de 43 postos de traballo desempeñados por mulleres do Salnés e Caldas cunha liña de axudas que beneficia a 117 emprendedoras da provincia de Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá a resolución das axudas. XUNTA
photo_camera O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá a resolución das axudas. XUNTA

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de conceder axudas do Programa Emega, de fomento do emprendemento e o emprego feminino, a 22 proxectos empresariais impulsados por mulleres nas bisbarras de O Salnés e Caldas cun investimento de 293.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución este mediodía nunha visita á empresa Clínica Podosel de Caldas de Reis. Na visita estivo acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, o alcalde Juan Manuel Rey e o deputado autonómico Fernando Pérez.

“As axudas empresariais da Xunta para as mulleres, entre as que destacan as de emprendemento do Programa Emega, son fundamentais para acadar unha sociedade igualitaria e aínda máis desenvolvida, pero collen aínda máis valor nun proxecto coma este da Clínica Podosel, xa que, ademais de xerar emprego, aposta por cuestións de gran importancia para o futuro, como a saúde e o benestar”, sinalou o delegado territorial.

Na bisbarra do Salnés hai un total de 14 beneficiarias do Programa Emega cunhas axudas globais de 181.000 euros e son as seguintes: a perrucaría de Rosa Casais (Cambados), o centro de estética de Bárbara Míguez e a tenda de moda de Alicia Balboa (O Grove), a tenda agrícola de Mónica Juviño (Meis), o aloxamento turístico de Marta Varela e o centro de ocio infantil de Andrea González (Ribadumia), o restaurante Santiago Torres 2019 e firma MTZ Desarrollo y Soluciones Informáticas (Sanxenxo), o taller Clabosil, a representante comercial Laura Plaza e os servizos de márketing empresarial de Génesis Mariel Hidalgo (Vilagarcía) e a firma Marina Náutica Arousa, o servizo de atención a dependentes de Rosa María Martínez e a empresa publicitaria de Steffany Andrea Azuaje (Vilanova).

En total, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vai favorecer a consolidación ou creación de 43 postos de traballo de mulleres nas dúas comarcas -18 en Caldas e 25 no Salnés- con esta orde de axudas, que beneficia a 117 emprendedoras da provincia cun investimento global de case 1,5 millóns de euros.
“A Xunta ten un forte compromiso e presta o máximo apoio ao emprendemento das mulleres a través deste Programa Emega e das súas catro liñas, Emprende, Activa, Innovación e Concilia, coas que se pretende dar resposta e respaldo a todas as necesidades das emprendedoras e que confirman que se trata dun plan exitoso para o fomento de empresas, que este ano aumentou un 34% os seus fondos e que, no caso destas comarcas, vai beneficiar a mulleres de ata once concellos”, concluíu o delegado territorial.