A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe o paseo do Cantiño, no bordo portuario da Illa de Arousa, onde o ente dependente da Consellería do Mar iniciou con carácter urxente traballos para a súa reparación. O obxectivo é corrixir as deficiencias desta infraestrutura, construída hai máis de tres décadas e que presenta danos derivados da perda de áridos finos no recheo que serve de base á liña peonil do paseo.
A responsable do ente público explicou que as obras están en execución desde principios desta semana e buscan restituír o estado da superficie ao seu estado orixinal previa consolidación desa capa de recheo do paseo con aporte de material. Nesta liña, indicou que a solución técnica definitiva e o importe final das actuacións virán determinados polo alcance dos danos que detecten nesta fase inicial das obras.
Susana Lenguas lembrou os investimentos recorrentes do ente público para a conservación e mantemento do paseo do Cantiño, ao que se destinaron máis de 40.000 euros nos últimos dous anos. Ademais, a presidenta de Portos de Galicia subliñou o esforzo inversor realizado pola Consellería do Mar no concello da Illa de Arousa, onde se destinaron 10 millóns de euros desde o ano 2009 a distintas actuacións no porto do Xufre.
Neste sentido, a representante do ente público puxo de relevo que a Xunta realiza investimentos para mellorar as condicións de traballo do sector profesional deste concello pontevedrés sen esquecer aquelas infraestruturas da súa titularidade -como o paseo do Cantiño- que serven como zonas de lecer de uso veciñal.