O ximnasio municipal duplica as inscripcións e supera o centenar de usuarios

As instalacións do Edificio de Usos Náuticos resultan tan atractivas para a poboación da comarca como para os propios arousáns
Exterior do edificio de Usos Náuticos no que está situado o ximnasio municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Exterior do edificio de Usos Náuticos no que está situado o ximnasio municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O novo ximnasio municipal instalado no Edificio de Usos Náuticos comezou o luns desta semana o seu funcionamento co horario normalizado de mañán e tarde despois das xornadas de portas abertas realizadas en decembro e unha apertura condicionada polas xornadas festivas e as festas de Nadal que, sen embargo, facilitaron un notable incremento da inscripción. Así, o ximnasio arranca o ano superando xa o centenar de persoas usuarias das instalacións e máis dunha veintena participando nas clases de pilates. Unha cifra que desde a Fundación Municipal Deportiva confían que vaia en aumento a medida que se achega o verán. O ximnasio municipal ten capacidade para máis de 200 usuarios que poderán poñerse en forma en horario de mañán, de 9.00 a 13.30 horas, e de tarde de 16.00 a 22.30 horas.

“A resposta da xente confirma a expectación que xa percibiamos; hai un cambio de hábitos na sociedade, que cada vez entende máis a práctica dalgunha actividade deportiva como unha medida preventiva ao falar de calidade de vida e de calidade de saúde”, explica Luis Arosa, concelleiro de Servizos e un dos primeiros usuarios das instalacións municipais. “Un dato que me chama a atención é que temos unha porcentaxe alta de inscritos de municipios colindantes”; persoas que se desprazan ata O Bao atraídas por unhas instalacións amplias, cómodas e ben equipadas e por unha tarifas competitivas.

A Illa é un referente a moitos niveis. Ainda hoxe hai municipios na contorna que non teñen un Auditorio como o noso. É moi gratificante ver que en instalacións deportivas tamén imos ao ritmo que demanda a poboación e creo que eso é un reflexo da conexión permanente do grupo de goberno da Illa coa nosa xente, que nos facilita saber que necesitan e xestionalo coa axilidade que nos  permiten os propios ritmos das administracións”. Nas vindeiras semanas a Fundación Municipal promocionará as diferentes actividades deportivas que se poden practicar nas instalacións do ximnario e porá en marcha unha campaña para animar á poboación local a sumarse aos hábitos saudables.