Villares informa na Illa de axudas de ata 4 millóns para o sector do marisqueo

O conselleiro do Mar visitou na tarde deste xoves a confraría da Illa para conversar cos seus representantes sobre as liñas de actuación dos vindeiros meses
Alfonso Villares durante a xuntanza cos representantes do confraría da Illa de Arousa. DS
photo_camera Alfonso Villares durante a xuntanza cos representantes do confraría da Illa de Arousa. DS

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou na tarde deste xoves a confraría da Illa de Arousa acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Neste encontro o titular de Mar detallou aos representantes do pósito detalles sobre as axudas directas e extraordinarias por 4 millóns de euros aprobadas no último Consello da Xunta e, á vez, as liñas xerais do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, un conxunto de actuacións que, aberto ás contribucións do sector, se prevé que mobilice a curto e medio prazo un total de 123 millóns de euros.

Alfonso Villares destacou que trala alta mortaldade dos bivalvos pola baixa salinidade resultado das fortes choivas do outono a Xunta púxose a traballar desde o minuto un da man do sector, unha colaboración que se pretende manter e estreitar dentro dunha cogobernanza que contribúa a definir o futuro máis próspero para a pesca e o marisqueo.

Do que non puido trasladar avances foi, en cambio, sobre a situación da petición ao Estado de que declare zona catastrófica as rías damnificadas despois de transcorrese mes e medio da súa presentación ante a Delegación do Goberno en Galicia. O conselleiro considera esta inacción como unha"falta de sensibilidade e abandono por parte do Executivo estatal, que non mobilizou un só euro en favor dos profesionais afectados". 

Villares explicou aos profesionais do marisqueo da Illa os traballos que levaron a que o pasado 14 de xaneiro, man a man coas federacións de confrarías de pescadores, desde o propio sector se adiantase o plan de acción para recuperar a produtividade desta actividade esencial para Galicia. Por un lado, a estratexia conta con medidas inmediatas en materia de axudas, con 15 millóns de euros nos que se inclúen os 4 millóns de euros que se abonarán de forma extraordinaria e directa este febreiro a máis de 7.000 profesionais de marisqueo a pé e a frote, e haberá outros 400.000 euros para contribuír a sustentabilidade das organizacións representativas do sector. 

Completarán esta liña de actuación as axudas por parada temporal para o marisqueo a pé e a frote que, por algo máis de 10 millóns de euros, se tramitarán con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) co fin de que se publique a orde en abril para que se abonen no verán. O período subvencionado de parada será de tres meses, a acreditar entre outubro de 2023 e abril de 2024.

O resto de actuacións no curto prazo pasan, ao longo deste primeiro semestre do ano, pola rexeneración dos bancos marisqueiros máis danados e o reforzo da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar) para clarificar as causas e desenvolver solucións ante a caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías. 

A medio prazo

A partir do segundo semestre e no conxunto de 2025 activaranse máis de 104 millóns de euros en medidas de apoio á sostibilidade e competitividade do sector marisqueiro.

Entre as primeiras está o reforzo da rexeneración de áreas marisqueiras e a creación de novas zonas de traballo, así como o apoio técnico ás entidades do sector e a vixilancia dos bancos, reforzando tamén o labor do Intecmar e das redes de control. Entre as segundas está constituír unha nova plataforma de ventas e un plan para complementar e diversificar as especies, ao tempo que se investiga como facelas máis resistentes aos cambios ambientais. Tamén se fortalecerá a colaboración coas asociacións do sector.