VIDA SALNÉS

Uxía: “Cantar é o máis fermoso da vida”

A música venlle de familia, e grazas ao seu amigo Carlos Blanco descubriu  A Illa de Arousa, un lugar de "sosego" no que atopou a súa vocación
photo_camera A música venlle de familia, e grazas ao seu amigo Carlos Blanco descubriu  A Illa de Arousa, un lugar de "sosego" no que atopou a súa vocación [VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA e EDUARDO DE LA PEÑA]
A miña historia
Nacín en Mos, ese lugar case raiano con Portugal, cunha vocación de comunicarme cos demais a través da música, a través da voz. Nacín nunha familia de músicos. Meu pai tocaba o contrabaixo e o saxo en orquestras de baile. Miña nai ven dun lugar para min moi importante porque aí comecei a cantar, enriba das mesas do restaurante que tiñan os meus avós. Estudei Filoloxía Románica porque daquela os pais consideraban que a música non era un oficio. Sobre todo meu pai, que sufrira todos os sacrificios que supoñía a música, e aconselloume estudar unha carreira. Pero a música foi máis forte. A miña guitarra era a prolongación da miña man. Presenteime a un certame en Bergantiños. Fun soa coa guitarra e cunha canción miña e outra de Antonio Paz Valverde, que era o director da coral na que eu participei no Porriño. Gañei o primeiro premio, que en metálico eran 100 mil pesetas no ano 85, así que pensei que me podía dedicar a isto. E gravei o meu primeiro disco. 

Co teu disco Foliada de Marzo empezas ti e a Radio e TVG...
Si. Nacía a TVG e a Radio Galega e gravei a miña primeira maqueta na Radio Galega con Pablo Barreiro naquel estudio móbil. Eran momentos nos que ter un disco en galego xogaba a favor nunha radio pública e na nosa televisión que comezaba. Considerei aínda máis a miña profesionalización cando me pediron, Na Lúa, cantar no grupo e había que ensaiar diariamente. Despois decidín retomar a miña carreira en solitario e viaxei moitísimo, e decidín ollar cara a Portugal e todo o territorio da lusofonía ademais do noso territorio galego. 

Así nace Uxía?
Así decidín que a miña vocación era cantar e que era o máis fermoso do mundo. Sigo a pensar que teño a sorte de ter un oficio que é unha ferramenta poderosísima para comunicarse cos demais; coa voz, con ese instrumento que está dentro de min e que tamén o fai moi vulnerable.

E as dificultades? 
Sempre o tiven claro pese as dificultades. Fixen radio tamén, todo ligado á música. Din cursos de cantos populares. Tamén son produtora doutras artistas. A raíz dun concurso de cantos populares creamos o grupo Malvela con mulleres de 70 e 80 anos. E o grupo María Fumasa que é un proxecto de música infantil e familiar que naceu por eu ser madriña de Rui, un neno con parálise cerebral. 

Levas a música integrada na túa vida?
Penso que a música sirve para mellorar o teu entorno. No caso de Malvela, para que estas mulleres que só cantaban no ámbito doméstico tivesen a oportunidade de cantar nos escenarios e viaxar e empoderarse. Procurei tamén que a voz estivese ao servizo das causas que eu cría xustas. Por iso nunca deixei de implicarme no que tiña  que ver coa lingua, coa muller, con defender a nosa identidade.

Como diferencias a Uxía música da Uxía persoa?
É difícil para min separar unha da outra. Cada vez que viaxo considero que o meu traballo é un privilexio, e que teño unha familia en cada lugar, e eu vou sendo unha especie de embaixadora da música galega polo mundo, e estou moi orgullosa de poder facelo. A música está tan dentro de min que é practicamente inseparable da miña persoa. 

Como chegas a Illa de Arousa?
A través da amizade con Carlos Blanco. Eu pasei un verán inesquecible e a partir de aí decidín ir quedando. Tamén coñecín a moita xente na época de Nunca Mais, estaba na comisión xestora Nito Dios. Nito foi para min un faro e un exemplo do que é unha persoa íntegra, honesta, defensora do seu mar. Formaba parte da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa. Gustoume moito a xente de Arousa, non só a paisaxe. A Illa é unha especie de refuxio, e pouco a pouco xa foi a miña casa.

Como é a xente de aquí?
Podo falar da xente da Illa de Arousa que é o que coñezo mellor. Creo que ese contacto co mar e o feito de vivir nunha illa fai que teñan un carácter moi especial, con moito orgullo do que son. E eu diría tamén que son xente moi afable, moi festeira. Gústalles moito cantar, bailar. É xente moi espontánea. Eu creo que me contaxiei un pouco diso tamén. 

Un sitio favorito da Illa?
Gústame moito ir ao Parlamento, na Abilleira, onde se reúne a xente maior e eu vou alí e cántolles e eles cántanme tamén. Transmitíronme toda esa sabiduría de vida. Na época en que decidiron ser república independente e asinaron un papel de estraza, pareceume toda unha declaración de principios. 

Hai una Uxía antes e despois da Illa de Arousa?
Si. Empecei a compoñer máis. Ao ter máis sosego e máis tempo para min. Vivín en Compostela moito tempo e tamén o que son na música llo debo a Santiago. O que pasa é que a vida social en Santiago é tan intensa que me din conta que necesitaba tempo para min e ese tempo conseguino na Arousa.

Quen é a Uxía que encontras na Illa?
Unha muller feliz porque atopou no seu oficio, a súa vocación. Podo definirme como unha muller honesta, tranquila, con moita tendencia a crear unha especie de gran familia. Na Illa  atopei esa Uxía que sempre fun e que se coñece un pouco mellor. Son unha persoa alegre, con moita fame de experimentar, son curiosa e sigo tendo moita ilusión pola vida e polo meu oficio. 

E cando choras por que choras?
Son unha persoa que non soporta as inxustizas. E outras veces choro por cousas máis íntimas porque somos vulnerables. Como artista que parece que está sempre tentando darse aos demais, cando noto que falto á promesa que me fixen de coidar de min... iso si que me fai chorar. 

E cando ris?
Procuro rirme moito de min mesma. O meu pai é un pouco así, saca chispa de todo e creo que iso axuda a vivir. Eu ríome das cousas máis pequenas e diarias. Non hai que tomar a vida demasiado en serio. Claro que me preocupan as grandes cousas: o cambio climático, o neoliberalismo salvaxe... pero non debemos permitir que non nos deixen soñar con outro mundo posible.

E na casa como levan iso de que sexas unha estrela?
E difícil convivir con iso se pensas que es unha estrela. Eu son unha muller que vivo do meu oficio. E ademais o meu pai sempre me dixo o que opinaba, aínda que non me gustase. A miña nai está no grupo Malvela e ten un gusto exquisito pola música. A miña irmá Chus é unha gran compositora, Ana está no grupo Son de seu e tamén está en Malvela; Raquel, a pequena, é gaiteira, a outra encántalle o audiovisual e o irmán fai teatro, é dicir, que na miña casa sempre se respirou arte aínda que a única que vive profesionalmente da música son eu.

Os teus referentes artísticos?
Jose Afonso é un referente cultural para min porque representa un compromiso coa beleza e un compromiso co tempo que lle tocou vivir. En Galicia, Rosalía de Castro, esa poeta revolucionaria, absolutamente rebelde. E Chico Buarque, Brasil está moi presente na miña música, e Caetano Veloso. E todo ese mundo da lusofonía, que é parte da miña familia, porque desde que creei Cantos na Maré en Pontevedra tiven a sorte de ir coñecendo a moitas desas figuras consagradas.

Uxía para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Uxía con algunha das súas obras. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A túa lingua de uso e artística é o galego e disque o galego está morrendo. Vas asistir ao seu funeral?
Eu son optimista. Sobre todo canta mais relación poida ter o galego co portugués. Aí seremos moitos, seremos alguén, que dicía o Zeca Afonso, e quizais esa sexa a salvación. E logo é certo que desde Cunqueiro, que avogaba por mil primaveras máis para a nosa lingua, aínda seguimos aquí, na resistencia, pero aquí. Curiosamente agora a música en galego a escoita todo o mundo e a música de raíz. Hai unha volta a valorar o que é noso, incluída a nosa lingua. 

E as mulleres seica lideran esa resistencia da que falas.
Eu procurei abrir as portas, dentro das miñas posibilidades, a canta xente nova estaba comigo. As mesmas Tanxugueiras convideinas moitas veces aos meus concertos nos Cantos na Maré antes deste boom. Fixen espectáculos onde a muller era a figura central, como en Son Delas, aí estaban Guadi Galego,  Pedreira, Mercedes Peón, Seivane, María Manuela, que é doutra xeración pero que é un referente. E máis recentemente Enredadas, con Martirio, Carmen Paris outra vez a Pedreira e mais eu. Creo que o que está a pasar é o efecto do traballo, e é moi importante mirar atrás e recoñecer o labor das que nos precederon. 

Que lugares deixaron unha pegada especial en ti?
Gustoume moito Cabo Verde. Brasil tamén. Portugal naturalmente. A xira por Estados Unidos con Narf tamén foi moi marcante, un país que non esperaba que fose tan receptivo coa nosa música. Alí onde os galegos estiveron tamén é onde sentimos que a nosa identidade está, en Arxentina, Uruguai, Venezuela. Unha parte do que somos naceu alí, como en Cuba. 

Podes escoller un lugar?
En Texas cantei o alalá das Mariñas e alí había un home moi alto, cun sombreiro, e veu a dicir que esa canción quería que soase no seu funeral. Sentiu que había algo moi potente aí. Eu expliqueille que a letra era unha despedida do paraíso no que un vive. Foi o poder da música galega que fixo que aquel home se emocionara tanto.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Liberdade.
Un lugar?
Illa de Arousa.
Unha persoa?
Miña nai, Fita.
Unha personaxe?
Rosalía de Castro.
Alguén importante?
Zeca Afonso.
Un obxecto? Unha cousa?
A miña guitarra.
Unha ferramenta?
A voz.
Alguén imprescindible?
A miña familia, as miñas amizades que tamén son familia.
Que é a vida?
Eu procuro imaxinar a vida como unha festa, como un camiño de encontros, de despedidas. Procuro vivila como unha festa cada día e ter motivos para festexar que estamos vivos e que é un luxo vivir.