A rúa Charco renovará o seu pavimento cunha solución estética similar ao Regueiro

O Concello sustituirá as redes de pluviais, fecais, agua e electricidade cunha actuación valorada en 48.375 euros
Obras de pavimentación na Praza do Regueiro en A Illa. DS
photo_camera A renovación do pavimento recibirá un aspecto similar ao da Praza do Regueiro en A Illa. DS

O goberno local da Illa ten listo o proxecto de reparación de infraestruturas viarias e solado na rúa Charco que inclúe a renovación de todos os servizos e a dotación dunha nova capa de rodadura, dándolle a mesma solución material e estética que á Praza do Regueiro, na que desemboca.

O proxecto, que terá un coste total de 48.375,65 euros, está á espera da autorización da Deputación Provincial xa que se executará con cargo ao remanente resultante da revalidación que Europa fixo do modelo de mobilidade sostible da provincia ao aprobar unha achega de 814.160 euros do programa DUS500 para a urbanización, recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao e que tivo un retorno para o Concello de A Illa de 244.262 euros.

A actuación contempla a sustitución total das canalizacións dos servizos de pluviais e fecais, así como a instalacións de tuberías novas para os servizos de auga e electricidade. En canto ao pavimento, o concelleiro Luis Arosa opta por levantar a pedra existente, en mal estado, e formigonar a rúa. “Darémoslle así unha solución de continuidade e de integración na Praza do Regueiro, o que vai contribuir non só a que mellore o servizo para a poboación usuaria senón tamén que a rúa teña un aspecto máis pulcro e ordenado”.

A recuperación da porcentaxe local cuberta pola subvención europea permitirá ao Concello executar outras catro obras urxentes en melloras de pavimentado e accesos a camiños. “Esta actuación na rúa Charco é unha prioridade para nós e confiamos en poder iniciar as obras con premura”, conclúe.