Rosa Quintana enxalza o labor da confraría da Illa na comercialización do marisco

Rosa Quintana no seu encontra na lonxa do Xufre. XUNTA
As obras de illamento da lonxa do Xufre foron realizadas pola OPP-20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización que conta co apoio financeiro da Administración autonómica ▶ Esta actuación ten como fin avanzar nas condicións de estabulación e preservar a calidade do marisco e desenvolveuse en dúas anualidades por un valor total de máis de 68.800 euros

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa do Xufre na Illa de Arousa onde coñeceu as obras de illamento térmico realizadas neste edificio pola Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20), que ten base neste municipio e que rexenta a lonxa. Alí puxo en valor o labor que realiza esta entidade e a confraría a prol da mellora das condicións da comercialización do marisco.

A actuación de illamento foi realizada pola OPP-20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización que conta co apoio financeiro da Administración autonómica, consistiu na colocación de paneis de material illante nos laterais e no teito do edificio da lonxa. A finalidade desta obra é mellorar as condicións da estabulación do marisco, preservar a súa calidade e favorecer a súa comercialización e desenvolveuse en dúas anualidades por un valor total de máis de 68.800 euros. Deste xeito, subliñou a conselleira, a OPP da Illa mellora as condicións de comercialización dos produtos do mar e faino dun xeito responsable, sostible e competitivo.

Ademais, Rosa Quintana lembrou que a Xunta investiu este ano 1,75 millóns de euros para os plans aprobados e executados polas organizacións de produtores pesqueiros e da acuicultura en 2021, uns apoios que están cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Nas distintas convocatorias de axuda enmarcadas no período do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a Consellería do Mar aprobou á OPP-20 un total de máis de 815.000 euros en axudas. A través destes apoios, as OPP poden afrontar gastos como os de persoal, material, equipamentos ou desprazamentos derivados da preparación e aplicación dos plans, que inclúen aspectos como o programa de produción para as especies capturadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás exixencias do mercado e medidas preventivas especiais para as especies con dificultades de comercialización.

A OPP-20

A Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20) ten base na Illa de Arousa, constituíuse en 1986 e conta na actualidade con máis de 550 socios. Está dedicada ao marisqueo a pé e desde embarcación e rexenta a lonxa da Illa de Arousa, situada no porto do Xufre. A súa presidenta é Inmaculada Rodríguez.