A Illa pon a disposición da veciñanza unha microtrituradora para os restos de poda

Máis de 400 fogares do municipio tratan os seus restos orgánicos con composteiros individuais

Microtrituradora A Illa de Arousa. DS
photo_camera Microtrituradora A Illa de Arousa. DS

O Concello deu comezo ao servizo de préstamo dunha microtrituradora para as veciñas e veciños que conten cun composteiro nos seus domicilios. As persoas interesadas poden solicitalo gratuitamente na nave de Testos no horario de recollida do estruturante para os composteiros, martes e xoves de 12,00 a 13,00 horas.

No momento da entrega o persoal municipal dará indicacións sobre o uso da máquina e explicará as condicións do empréstamo. Xunto con ela entrégase tamén unha copia do manual de instrucións e requírese a sinatura do documento de aceptación do regulamento do servizo.

Pechando o ciclo sen saír do domicilio

A máquina funciona cun motor eléctrico e está deseñada para triturar restos vexetais leñosos cun diámetro máximo de 4,5 cm. As súas pequenas dimensións e o seu deseño compacto facilitan o seu transporte nos propios vehículos da veciñanza. O seu uso está limitado á trituración de restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras, viña, árbores ornamentais ou restos de xardinería, quedando prohibida a trituración de raíces ou outros materiais que poidan levar terra ou pedras.

O triturado de madeira resultante é ideal para o seu uso como estruturante nos composteiros, un dos elementos máis importantes na compostaxe, xa que axuda a manter o material aireado, equilibra a humidade e tapa o material evitando a aparición de moscas e cheiros.

Os restos vexetais non leñosos ou as podas cun diámetro maior do admitido pola microtrituradora deben ser entregados no Punto Limpo municipal en horario de apertura. Alí serán clasificados e triturados para a obtención do estruturante que será empregado tanto nos centros de compostaxe comunitaria como nos composteiros particulares.

A intención do Concello é evitar que os restos de poda acaben sendo queimados nas fincas ou saturando os contedores da fracción resto, evitando así emisións innecesarias á atmosfera ao tempo que se saca proveito dun recurso tan valioso como é a biomasa.

Seguimento dos composteiros individuais e avances na xestión dos residuos

A Illa de Arousa ten contabilizados máis de 400 fogares que compostan os seus residuos orgánicos. Nestes días a empresa SM está a continuar coa campaña de seguimento dos composteiros particulares, realizando visitas nos domicilios. O persoal técnico comprobará o bo discorrer do proceso de compostaxe e asesorará á veciñanza.

Esta acción tamén está financiada por unha liña de axudas do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra e dará como resultado os documentos que servirán de guía para adaptar as ordenanzas de residuos a unha xestión máis eficiente e na liña da nova realidade normativa.