Medio cento de persoas voluntarias retiran dúas toneladas de lixo dos fondos de Areoso

Tras esta nova limpeza retiráronse xa máis de 42 toneladas de refugallos dos fondos e costas de Galicia no marco do programa Placton que promove Afundación
Areoso fondos 21
photo_camera Equipo que participou na retirada de residous en Areoso, enmarcada no programa Placnton de Afundación. DP

Máis de 50 persoas voluntarias participaron este sábado nunha nova xornada de limpeza de fondos mariños na contorna do illote Guidoiro Areoso, convocada por Afundación. Trátase da cuarta acción realizada nesta zona no marco do Plan Conservación de Territorial, Placnton, que se saldou con 2.250 quilos de lixo eliminados dos fondos mariños.

Tal e como indica a entidade organizadora, o obxectivo desta iniciativa é, ademais da retirada de residuos,e o beneficio ambiental que representa, tratar de promover na sociedade, formas de actuar responsables que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras. 

Voluntarios recollen ata dúas toneladas de residuos dos fondos mariños. DP
Voluntarios recollen ata dúas toneladas de residuos dos fondos mariños. DP


Ás dez da mañá, o grupo de submarinistas pertencentes á Confraría de Pescadores da Illa de Arousa e ao Club Subacuático Pérez-Sub, iniciaron as inmersións nas zonas preestablecidas para desenvolver a actividade. Nasas, restos de cabos e cordas de diferentes grosores, conxuntos de redes enmarañadas e outros apeiros extraviados durante a actividade pesqueira, o que se coñece como "pesca pantasma", foron os obxectos máis numerosos localizados polas persoas voluntarias nas augas que circundan o illote arousán.

O equipo participante na convocatoria retirou tamén, aínda que en menor medida, outra serie de refugallos cuxo orixe pode vincularse ás actividades turísticas ou de recreo desenvoltas no lugar, como restos de envases, vidros e diversos obxectos plásticos. 


Unha vez rematadas as inmersións, os residuos recolleitos foron transportados ata o porto de Xufre onde se procedeu a súa descarga, clasificación e pesada, labores coas que adoitan a concluír este tipo de actividades de voluntariado ambiental no seo deste plan de conservación territorial. 

Ademais da confraría e do clube de mergullo, a actividade contou coa colaboración da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, do Servizo Marítimo da Garda Civil, Protección Civil de Vilanova de Arousa, o Concello da Illa de Arousa, ademais do voluntariado do programa Actúa de Abanca e Afundación

Nas catro acciones deste tipo levadas a cabo nos fondos perimetrais do illote Guidoiro Areoso durante o últimos tres anos, retiráronse nesta contorna máis de 6 toneladas de residuos contribuíndo así á protección da biodiversidade deste enclave situado no corazón da Illa de Arousa, cuns significativos valores ambiental, arqueolóxico, xeolóxico, paisaxístico e económico. 

Vinte embarcacións participaron na recollida de lixo no mar en Areoso. DP
Vinte embarcacións participaron na recollida de lixo no mar en Areoso. DP

 

Máis de corenta toneladas

Tras esta nova xornada de limpeza, son xa máis de 42 as toneladas de residuos retiradas no marco de Plancton das costas e fondos de Galicia, un programa que procura fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar a través dun gran eixo vertebrador de diferentes axentes.

Recentemente foi recoñecido pola Xunta de Galicia co Premio Especial Economía Azul pola súa "importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente", tanto polas propias actuacións de retirada de residuos, como pola súa preocupación por espertar unha conciencia sostible na sociedade a través de diferentes actividades de sensibilización e formación sobre os valores intrínsecos da biodiversidade e da súa conservación.