Redum Teatro repite no auditorio da Illa coa representación de 'Hamelin'

As entradas para asistir á representación que terá lugar o 1 de abril ás 20 horas están xa á venta anticipada a un prezo de 6 euros
Obra 'Hamelín' de Redrum Teatro. CEDIDA
photo_camera Obra 'Hamelin' de Redrum Teatro. DS

A proxección da película Matria o pasado sábado esgotou as entradas á venta e abarrotou un auditorio municipal da Illa que se quedou escaso ante a espectación xerada polo film que narra unha historia rodada e inspirada na Illa de Arousa.

A Concellería de Cultura negocia coa distribuidora unha nova data de proxección para que todas aquelas persoas que non conseguiron entrada poidan desfrutar desta película, que xa está en cines, no auditorio local.

E co bo sabor que deixou Matria esta fin de semana, amosando ao igual que algunhas das propostas da programación de Nadal un auditorio a rebosar, chega unha nova proposta cultural para o sábado 1 de abril, da man de Redrum Teatro coa posta en escena de Hamelin, que fixo a súa residencia técnica no auditorio e xa representou a obra nun pase técnico para escolares de terceiro e cuarto da ESO do IES da Illa.

As entradas xa están á venta cun prezo de 6 euros anticipada e de 8 euros na billeteira, que abrirá unha hora antes do comezo da actuación, programada para as 20.00 horas. A obra, unha versión áspera do conto, “é máis verosímil e parécese máis ao mundo no que vivimos”, adiantan desde Redrum Teatro. “No noso mundo, os nenos son os primeiros que pagan. Pagan os vicios dos maiores, as mentiras dos maiores. Neste sentido, o Hamelin que non sabe protexer aos seus nenos é como moitas cidades do noso mundo”.

O texto de Juan Mayorga, segundo que a compañía teatral adapta ao galego, aborda o tema da pederastia cunha linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios. “Juan Mayorga aborda o tema dunha maneira moi sutil, os silencios das personaxes encerran grandes verdades, evita unha linguaxe soez e opta por un espectador activo que imaxine máis aló do que se mostra en escena”, engaden.

Este texto galardoado co Premio Max en 2006 supuxo a consagración definitiva da compañía Animalario, que resultou vencedora nos principais galardóns desa edición.

Álex Sampayo encárgase da dirección e da adaptación deste Hamelin, que contará cun elenco conformado por sete intérpretes:Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. Laura Míguez é a axudante de dirección mentras que o deseño de iluminación corre a cargo de Carlos Álvarez-Osorio e o espazo sonoro de Fernando Epelde.