O porto do Xufre acolle un proxecto piloto de I+D+I para protexer do vento a frota abrigada

Portos de Galicia e a Fundación Universidade da Coruña colaboran na presentación desta solución técnica novidosa baseada na colocación de pantallas na punta dos pantaláns co obxecto de poder aplicala noutras instalacións
Presentación do proxecto piloto de I+D+I para protexer do vento a frota abrigada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Presentación do proxecto piloto de I+D+I para protexer do vento a frota abrigada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC), están a colaborar na procura dunha solución técnica novidosa que permita protexer do vento a frota abrigada por diques aboiantes. Trátase dun proxecto piloto de I+D+i que se está a desenvolver no porto do Xufre, na Illa de Arousa, co obxectivo de poder aplicala posteriormente noutras instalacións e foi presentado hoxe pola presidenta do ente público, Susana Lenguas

Esta iniciativa ten como fin avaliar os resultados da colocación de pantallas na cabeceira dos pantaláns para reducir a velocidade do vento actuante na zona abrigada polo dique flotante. Esta solución técnica innovadora é froito do convenio de colaboración asinado meses atrás entre Portos de Galicia e a FUAC, a través do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) para investigación, desenvolvemento e innovación neste sentido. 

En base a este acordo, Portos de Galicia asume o financiamento do proxecto por importe de 100.000 euros. Mentres, a FUAC encárgase de executar o proxecto, incluíndo a análise da situación, definición e avaliación de alternativas, deseño da pantalla e construción do prototipo. Unha vez instalado este da Illa, a FUAC analizará tamén os datos derivados do seu funcionamento para trasladalos ao ente público co obxectivo de definir a súa aplicabilidade futura.

Investimentos

Entre os anos 2010-2011 o porto do Xufre, o principal peirao da Illa de Arousa, experimentou un cambio substancial na súa configuración coa construción dun varadoiro na zona noroeste do porto e un dique de aproximadamente 250 metros, o que constitúe o seu principal elemento de abrigo. Estas obras deron lugar a unha nova superficie de auga abrigada, denominada dársena exterior, que se suma ás dúas anteriores (dársena interior e dársena central). 

Durante os últimos anos leváronse a cabo distintas actuacións –orzamentadas en 5,3 millóns de euros- nesta nova dársena destinadas a convertela nunha zona de amarre confortable para embarcacións. Entre elas destacan a construción de tres pantaláns de atracada con 291 prazas para embarcacións menores e 122 para bateeiras, así como o dique aboiante de 240 metros para abrigar a zona do mar de vento. 

Tras a posta en servizo desta instalación, e malia atoparse adecuadamente abrigada da acción da ondada mediante diques flotantes, os usuarios das atracadas reportaron a necesidade de buscar melloras en certas áreas para reducir a acción do vento superficial sobre as embarcacións. É dicir, estudar a protección das embarcacións atracadas nos pantaláns e que se sitúan máis expostas á dirección do vento.