La Platanera: un oasis artístico na Illa de Arousa no que explorar a creatividade

A súa fundadora, a ilustradora arousana Andrea Fernández, desenvolve diversas actividades durante todo o ano como talleres, retiros ou as residencias banana
Andrea Fernández no seu recuncho artístico. LA PLATANERA
photo_camera Andrea Fernández no seu recuncho artístico. LA PLATANERA

A Illa de Arousa agocha nos seus sete quilómetros cadrados diversos tesouros e espazos nos que gozar do tempo de lecer. As súas praias de area branca, os miradores nos que divisar a ría e seus espazos naturais fan deste territorio un lugar no que perderse e descubrir pouco a pouco todo aquilo que fan dela un lugar único.

Este recuncho das Rías Baixas é o fogar da ilustradora arousana Andrea Fernández, quen dende hai dez anos, dirixe o proxecto La Platanera, unha proposta na que as diversas expresións artísticas son as protagonistas.

A antiga casa dos seus avós permitiulle crear un espazo de desconexión no que dar vida as súas ideas. Así, a habitación na que gardaban os aparellos de pesca converteuse, no inicio da súa andaina, nun pequeno taller de serigrafía.

O que comezou coma un proxecto individual, medrou ata instaurarse coma lugar de encontro de diversos artistas no que poder aprender e producir infinidade de obras. O seu obxectivo é xerar un espazo no que as persoas poidan desconectar, regalarse tempo e gozar da experiencia deixándose levar explorando a súa creatividade.

Cada ano, Andrea organiza diversas actividades dirixidas a todas as idades e niveis cun único requisito: as ganas de aprender e gozar da desconexión.

Ademais dos obradoiros monográficos de fin de semana, tamén existen os retiros creativos personalizados, unha experiencia completa adaptada a cada unha das persoas participantes e nas que esquecer o día a día nun entorno máxico. Coa chegada da época estival, é a quenda das residencias banana, nas que cinco persoas  aprenden conxuntamente mentres conviven.

As vindeiras xornadas programadas son os talleres de estampación textil e cianotipia, que terán lugar os días 3 e 4 de decembro respectivamente.