Unha nova canalización da fibra eliminará a fenda dixital no barrio de Barnal

O remanante da Avenida Castelao permite ao goberno local unha actuación de pavimentado e saneado do entorno valorada en 48.012 euros
Barrio de Barnal en A Illa de Arousa. GSV
photo_camera Barrio de Barnal. GSV

O goberno local ten listo o proxecto para a renovación do pavimentado das rúas do barrio do Barnal, unha actuación que resolverá tamén os problemas actuais de conexión da fibra.

Os traballos, que terán un custe total de 48.012 euros, están á espera da autorización da Deputación Provincial xa que se executará con cargo ao remanente resultante da revalidación que Europa fixo do modelo de mobilidade sostible da provincia ao aprobar unha achega de 814.160 euros do programa DUS500 para a urbanización, recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao e que tivo un retorno para o Concello de A Illa de 244.262 euros.

Renovarase a capa de rodadura na Travesía Avenida da Ponte e nas rúas Barnal dos Lagos, Barnal e Salgueiral, nas que o pavimento presenta un importante deterioro debido ao intenso tráfico interno que soporta.

Luis Arosa, concelleiro de Servizos, ve neste proxecto a oportunidade de reducir a fenda dixital que padecen a poboación residente neste barrio, cunha deficiente conexión a internet polo que incluíu no proxecto a canalización da fibra de xeito que so quede pendente a conexión por parte das empresas operadoras.

A recuperación da porcentaxe local cuberta pola subvención europea permitirá ao Concello executar outras catro obras urxentes en melloras de pavimentado e accesos a camiños. “Que a obra da Avenida Castelao conseguira ese respaldo europeo non so avala os criterios técnicos dunha actuación innovadora, senón que tamén supón para nós un balón de osíxeno importante para atender rúas secundarias pero tan importantes para nós como a Avenida Castelao”, apunta Luis Arosa, que considera que esta actuación no Barnal “supón un importante saneado de todo o entorno”.