Nicolás González destaca o impacto dos fondos europeos na comarca do Salnés

Alcaldes/as e candidatos/as socialistas xuntáronse na Illa de Arousa para por as inminentes obras de xeotermia nas Casas Modernistas como “un dos múltiples exemplos” do que significa Europa
Alcaldes e alcaldesas de Arousa na reunión con González Casares. DS
photo_camera Alcaldes e alcaldesas de Arousa na reunión con González Casares. DS

Os fondos europeos están a mellorar a vida da veciñanza da comarca de Arousa cos distintos programas que puxo en marcha o Goberno de España e que se están a traducir en proxectos innovadores que servirán para avanzar na calidade urbana, no turismo sostible e na mellora da calidade de vida da veciñanza, contribuíndo tamén ao asentamento da poboación nas zonas máis rurais. Así o puxo de manifesto o eurodeputado Nicolás González Casares nun encontro celebrado na Illa de Arousa con asistencia do candidato socialista á Alcaldía, Luís Arosa; do actual alcalde, Carlos Iglesias; da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, e das candidatas ás alcaldías de Vilanova, María Vales, e Sanxenxo, Ainhoa Fervenza.

Nas Casas Modernistas, que en breve recibirán un novo investimento, esta vez dos fondos Next Generation, para dotalas de calefacción por xeotermia, González Casares destacou que os 140.000 millóns de euros que a Unión Europea puxo a disposición de España son froito do esforzo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a pesar do intento de boicot do Partido Popular. Ademais, engadiu, España é o país máis avanzado na execución e está a servir de modelo para outros países, a pesar, unha vez máis, dos intentos da dereita por frear a chegada deste torrente de recursos.

A comarca do Salnés xa recibiu 4.873.531 euros nos últimos anos de fondos europeos, tamén procedentes da Administración provincial, para actuacións de iluminación sostible de espazos públicos e monumentos declarados BIC, instalación de placas fotovoltaicas e aerotermia en edificios públicos, así como fondos para a adaptación do punto limpo de Vilagarcía á recollida de residuos eléctricos e electrónicos. Nesta relación tamén están as achegas realizadas por Europa ás obras de mobilidade sostible nas estradas provinciais da Illa (avenida de Castelao), Cobas-Padrenda (Meaño) e A Lanzada (Sanxenxo).

Ao territorio arousán están tamén a piques de chegar os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), concedidos polo Goberno de España. A Vilagarcía asignáronse 2.4090.852 euros; á Mancomunidade do Salnés, 2.116.000 euros e ao Concello de Sanxenxo outros dous millóns de euros. Ademais,  Vilagarcía está desenvolvendo os proxectos correspondentes aos 5 millóns de euros de euros do programa de desenvolvemento urbano sustentable (EDUSI) e a Sanxenxo chegarán, ademais, outros 1,4 millóns de euros do plan PIREP (rehabilitación de edificios públicos). Ademais disto hai fondos vinculados aos Bens de Interese Cultural para as Torres de Oeste de Catoira ou a adecuación do faro de Sálvora e Rúa.

Ao Salnés chegan tamén fondos de programas de fomento do comercio a través da Deputación con programas como Commerce Inside ou Da Túa Man, aos que cómpre sumar os 600.000 euros logrados directamente por Vilagarcía de Arousa para a dinamización comercial.

Por outra banda, a Deputación está a xestionar outros 1.285.304 euros dentro do PERTE da auga, convocado polo Goberno do Estado para os concellos con menos de 5.000 habitantes. De saír adiante esta nova iniciativa, a Meis corresponderíanlle 443.543 € (subvención: 399.189 €) e A Illa de Arousa,  241.401 € (subvención: 217.261 €).

Por outra banda, a transformación dixital da economía da man do Goberno de España está a ter un impacto enorme na contorna de Pontevedra, destacou González Casares. Así, o plan ÚNICO de Banda Ancha posibilitará que o 100% das vivendas estean conectadas por fibra óptica ou por satélite 5G antes de 2025. O Goberno de España fará posible que as zonas onde non sexa posible o tendido de fibra teñan acceso de banda ancha a un prezo fixo de 35 euros ao mes gracias ao macrocontrato asinado con Hispasat.
Ademais incidiu no impacto do programa Kit Digital, o maior despregue de colaboración público-privada da historia, e que ten como obxectivo a transformación dixital das empresas, asignándolles axudas que van dos 2.000 euros aos 12.000 euros e do que se están a beneficiar ducias de empresas da comarca.