Luis Arosa colle o relevo de Carlos Iglesias e preséntase como candidato socialista á alcaldía

Carlos Iglesias deixa a política “en primeira liña”, subliñando que nunca viu a Alcaldía “como un oficio”: “Eu era Carlos, son Carlos e seguirei sendo Carlos, un veciño máis”
(_LO_5340.JPG)  Salnes O secretario xeral do PSdeG Valentin Gonzalez Formoso participa na presentacion do candidato socialista da Illa de Arousa11726
photo_camera Luis Arosa no acto desta tarde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía da Illa de Arousa, Luís Arosa, presentouse oficialmente, tomando o relevo do actual alcalde, Carlos Iglesias, nun acto público celebrado na praza do Portiño, que contou coa presencia de numerosas veciñas e veciños e coa asistencia da presidenta do partido e da Deputación, Carmela Silva; do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; do secretario xeral provincial, David Regades e de alcaldes e concelleiros/as da contorna.

Luis Arosa, que aspira a converterse no terceiro alcalde da Illa e o terceiro socialista, o próximo 28 de maio, destacou que detrás de todas as obras destes anos está a Deputación, remarcou. Pola contra, ironizou afirmando que a Xunta de Galicia parece ver a ponte de Arousa como un viaduto interautonómico, como o de Ribadeo, o que explicaría os abundantes investimentos nas estradas do concello veciño “como se nós estivesemos en Asturias”. Ademais acusou “a unha alta dirixente da Xunta” de vir hai poucos días á Illa “a rirse da xente”, en referencia á recente visita ao paseo do Cantiño, afectado pola aparición de grandes fendas. “Ata tivo o atrevemento de dicirnos que non está tan mal”. O candidato socialista lembrou que Portos de Galicia auspiciou un concurso de ideas para Portonovo, onde planificou obras por valor de 4,7 millóns de euros “e a nós quérennos despachar cun par de carretillas de cemento”.

O candidato subliñou que mentres que a Xunta non ten claro que este concello pertenza a Galicia, a Deputación ten moi claro que pertence á provincia de Pontevedra.

O actual alcalde, Carlos Iglesias, afirmou vivir “un día moi especial” tras 8 anos de intenso traballo, continuando o legado do alcalde Manel Vázquez, “o meu mentor” e prometeu o máximo esforzo ata o 28 de maio próximo para que Luís Arosa sexa o terceiro alcalde.  Destacou a experiencia do candidato na xestión municipal e o seu amor polo seu pobo. Iglesias remarcou que a Alcaldía non é un oficio e que, persoalmente, sempre se considerou un veciño máis: “eu fun Carlos e seguirei sendo Carlos”.

Para David Regades non hai dúbida de que o 28 de maio o Partido Socialista logrará a terceira Alcaldía socialista na Illa de Arousa. “A Illa é un soño que comezou con Manel Vázquez”, recalcou.

Carmela Silva falou dun “día agridoce” pola despedida de Carlos e a chegada do relevo da man de Luís Arosa. “Queda a lla de Arousa en mans de ouro cunha persoa única, boa xente, traballador e intelixente. O mellor candidato que ningún partido pode presentar”, dixo, antes de aludir “aos líos do PP á hora de atopar candidatos e candidatas nesta comarca”.

(_LO_5281.JPG)  Salnes O secretario xeral do PSdeG Valentin Gonzalez Formoso participa na presentacion do candidato socialista da Illa de Arousa11726
Carmela Silva participou na presentación de Luis Arosa como candidato. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A presidenta da Deputación fixo un recordatorio dos principais investimentos da Deputación nestes 8 anos, entre os que aludiu á rehabilitación das Casas Modernistas, a rehabilitación da praza do Regueiro (actualmente en obras) ou a transformación da avenida de Castelao que, bromeou, “vai parecer Manhattan, unha auténtica marabilla pola seguridade e comodidade que vai supor para a xente”. Carmela Silva tamén foi crítica cunha Xunta que non inviste na Illa de Arousa, pero tampouco en Vilagarcía, nin en Cambados, nin en Meis, nin en Meaño e que concentra os seus escasos investimentos en Vilanova, “pero non se nota nada, porque non hai proxecto de cambio”.

Na presentación participou tamén Valentín González Formoso brindando todo o apoio do partido ao xa candidato socialista á Alcaldía arousá e afirmando que non hai mellor comezo que levar ao teu pobo no apelido.