A Illa cumpre o 50% das medidas incluidas no pacto polo clima tras dous anos

A revisión bianual do PACES permite incluir nas propostas para reducir o CO2 a protección dunar e unha xestión máis eficiente dos residuos

Playa de dunas en A Illa de Arousa. CEDIDA
photo_camera O obxectivo principal do Goberno é preservar o estado das dunas. CEDIDA

O Concello da Illa de Arousa presentou ante o Pacto das Alcaldías o informe do grao de execución das medidas comprometidas no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un documento no que se avalían os avances realizados nas distintas medidas e incluíndo os axustes necesarios, sen perder de vista o horizonte da redución do 40% das emisións de CO2.

Nesta primeira revisión, constatouse que 20 das 40 medidas incluídas na versión inicial do Plan estaban iniciadas, das cales 8 xa están concluídas. Entre elas destacan a auditoría sobre o alumeado público, a construción do aparcadoiro disuasorio do Bao, a aprobación e execución do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) e a creación da primeira Comunidade Enerxética, entre moitas outras.

Gabriele von Hundelshausen, concelleira de Medio Ambiente, destaca o elevado índice de cumprimento do Plan á vez que asegura que “non hai que baixar a garda porque queda moito por facer”. Por elo, ademais de avaliar o Plan, a revisión permitiu a von Hundelshausen incluir dúas novas accións, cuia execución está xa iniciada. A primeira delas é a protección das dunas, barreira natural contra o embate do mar na costa, algo particularmente importante para unha illa.

Nos últimos anos foron realizados esforzos para a súa protección ao longo de toda a costa insular, o que inclúe a instalación de barreiras, sinalizacións, apertura de camiños alternativos e a instalación de pasarelas elevadas para evitar a degradación dos areais. O obxectivo é protexer o ecosistema das dunas, que se ve danado polo tránsito de persoas que se produce nas zonas de praia, en especial nos meses de verán, acoutando o areal de maneira que apenas sexa accesíbel a través dos pasos habilitados mediante pasarelas de madeira. Nalgunhas zonas xunto con estes traballos realízanse campañas de eliminación de especies exóticas invasoras, algo especialmente importante na preservación do Espazo Natural do Carreirón.

Reducindo emisións a través dunha xestión máis racional dos residuos

A segunda das medidas engadidas aborda a xestión e prevención dos residuos municipais. Na actualidade, a estratexia municipal de xestión de residuos da Illa de Arousa baséase na segregación de catro fraccións de residuos: papel e cartón, envases de vidro, envases lixeiros e fracción resto. Nestes momentos conta cun punto limpo fixo e está actualmente desenvolvendo diferentes programas de compostaxe colectiva e individual para a xestión da fracción orgánica.

A finais do ano pasado, o Concello presentou o estudo técnico dos residuos, realizado pola consultora Novotec e financiado grazas a unha liña de axudas do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. O documento analiza a situación actual e propón solucións para dar cumprimento aos obxectivos do 55% de preparación para a re-utilización e reciclaxe do total de residuos municipais para 2025.

O Pacto das Alcaldías, fronte común contra o cambio climático

No ano 2019 o Concello da Illa de Arousa sumábase á comunidade internacional do Pacto das Alcaldías. Esta iniciativa da Comisión Europea une a milleiros de entidades locais e rexionais ao longo de todo o planeta co obxectivo de atallar o cambio climático, tomando medidas para atenuar os seus efectos e reducir en polo menos un 40% as emisións de CO2 antes do ano 2030. En novembro do ano 2020, tras meses de estudo, a Arousa presentaba o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES).

Este documento inclúe o Inventario de Emisións de Referencia que permite coñecer a situación de partida e comprobar as reducións acadadas co paso do tempo; e a Avaliación dos Riscos e Vulnerabilidades que presenta a illa fronte á mudanza climática. O Plan culmina cunha batería de medidas deseñadas para acadar os obxectivos de mitigación comprometidos e preparar a Arousa para os retos que a illa deberá afrontar nos vindeiros anos.

Comentarios