O espazo dunar da praia de Barbafeita presenta as novas melloras

A Xunta de Galicia inviste 30.000 euros neste lugar protexido da Illa de Arousa
FCA Praia Barbafeita A Illa
photo_camera Luis López durante a súa visita ao espazo protexido da praia arousana. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou a praia de Barbafeita, no Concello da Illa de Arousa, para comprobar as melloras realizadas no seu espazo dunar co apoio do Goberno galego. As actuacións realizáronse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) e contaron cunha achega de 30.000 euros por parte da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte. 

Así, co obxectivo de protexer as dunas da presión humana e facilitar a súa rexeneración, instalouse un dobre valado, polas caras exterior e interior da duna, que impide o tránsito incontrolado de persoas e a consecuente degradación do espazo. A praia de Barbafeita é un dos ámbitos dunares máis relevantes da Illa de Arousa, que ademais é fundamental para a protección do areal.

Luis López destacou o compromiso da Xunta cos concellos na protección e mellora do medio natural a través do Fondo de Compensación Ambiental, dotado neste ano con máis de 11 millóns de euros e ao que xa se poden acoller as entidades locais interesadas. Dirixida a concellos, mancomunidades e consorcios locais, a través del subvenciónanse accións como campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación ambiental, entre outras. O prazo da convocatoria está aberto ata o 27 de febreiro.

A esta iniciativa súmase a orde para a creación e mellora de infraestruturas vinculadas aos servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros e cuxa convocatoria está tamén aberta. Segundo sinalou o delegado territorial en Pontevedra, A Illa de Arousa beneficiouse nos últimos anos de case 600.000 euros das liñas de apoio da Xunta ao eido local, tanto para a mellora de infraestruturas como para accións ambientais. Ademais da visitada onte, entre elas figuran actuacións como a protección e mellora do espazo dunar na praia de Area de Secada, unha das dúas do municipio que adoitan contar con bandeira azul, e do borde litoral do Furado, entre outras.