Esgotadas as prazas para a última actividade de 'Depo Orienta' na Illa

A proba de orientación celebrarase o 15 de outubro e suscitou unha gran demanda, ata o punto de que tamén nun día se completou a lista de agarda
Playa Área da Secada. DS
photo_camera Playa Area da Secada. DS

En só 24 horas esgotáronse as 200 prazas que a Deputación de Pontevedra ofreceu para a terceira e última actividade do programa Depo Orienta, que terá lugar o próximo 15 de outubro na Illa de Arousa. A gran acollida a esta última proba de orientación motivou que tamén se completase a lista de agarda, para a que están inscritas outras 50 persoas.

A través deste programa, enmarcado no calendario de actividades deportivas de verán da Deputación de Pontevedra, a institución provincial ofrece actividades de orientación na natureza. Nelas, os participantes terán que realizar no menor tempo posible, e contra o reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa única axuda dun mapa. 

A actividade do 15 de outubro realizarase nas inmediacións do campo de fútbol A Bouza da Illa de Arousa, situado nun entorno natural con praias como Barbafeita ou Area da Secada. Os participantes competirán en tres categorías en función da dificultade técnica e da distancia: xestiñas (para nenos acompañados dunha persoa adulta), xestas (nenos maiores ou persoas adultas de xeito individual ou en grupo) e xesteiras (nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación, de xeito individual ou en grupo), de 2, 3 e 4 km respectivamente.