Escolares do IES Illa de Arousa premiados no certame de robots da Escola de Enxeñería

Os mozos e mozas acadaron un primeiro e un terceiro premio no concurso fronte a 600 estudantes galegos ▶ Os concelleiros Luis Arosa e Rosi Viana felicitaron aos participantes polo seu gran traballo e dedicación

Os 23 mozas e mozos que participaron na competición tecnolóxica xunto aos representante do ente local
photo_camera As mozas e mozos que participaron na competición tecnolóxica xunto aos concelleiros Luis Arosa e Rosi Viana. DS

O IES Illa de Arousa participou de novo na Competición de Robots organizada pola Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo medindo as súas competencias dixitais e de programación cos máis de 600 estudantes de toda Galicia que se inscribiron neste concurso. O IES Illa de Arousa presentou cinco equipos en total integrados por 23 mozas e mozos que
cursan a ESO neste centro educativo conseguindo o primeiro premio na categoría Be Robot un grupo de alumnado de 1º e 2º da ESO e un terceiro premio na mesma categoría, un grupo de 3º e 4º da ESO.

“O resultado é moi bo pero o importante para nós é que o alumnado participante douse conta de que non había ningún participante mellor ca eles. Volveron deste concurso seguros da súa formación e da súa capacidade”. Ese é, segundo asegura a profesora que coordina esta actividade, Susana Oubiña Falcón, “o principal aprendizaxe desta experiencia”.

Luis Arosa e Rosi Viana, en representación do goberno local, achegaronse ao IES Illa para felicitar directamente aos alumnos dos diferentes grupos e animalos a seguir apostando polos
retos formativos e de crecemento persoal. O alumnado explicoulle a Luis Arosa e a Rosi Viana que o reto consistía na programación dun robot, un traballo ao que os escolares adicaron moitas tardes fóra de horario escolar coordinados sempre por Susana Oubiña e no que puxeron a proba os coñecementos adquiridos en materias como tecnoloxía ou programación para desenvolver proxectos clásicos e outros máis ambiciosos con aplicación da intelixencia artificial.

Animados polo profesorado do centro, os alumnos apuntáronse a esta aventura de xeito voluntario e o resultado, recoñecido nos premios, no prestixio para o centro e na autoconfianza adquirida, anímaos a repetir experiencia e a convidar a outros compañeiros e compañeiras a participar na vindeira edición da competición. Susana Oubiña explicoulle a Luis Arosa que a matriculación dos rapaces no concurso, ao que A Illa acude cada ano, é un xeito de abaratar os costes de equipamento robótico do centro. E é que a matrícula ten un coste de 60 euros e conleva o agasallo dun robot valorado en 200 euros. “Un robot que nos axuda moito á hora de impartir as nosas materias de xeito práctico”.

Os representantes do ente local felicitaron tamén ao profesorado pola súa implicación para renovar o equipamento do centro. “É fantástico vir aquí e comprobar a ilusión coa que os rapaces e rapazas falan de programación, de informática, de crear robots intelixentes e como entenden a súa aplicación no día a día. É un orgullo como pobo comprobar que estes rapaces, que en dez anos serán adultos, están moi preparados e preocupados pola súa formación”.

Rosi Viana, concelleira de Cultura, destacou a alta participación de nenas nestes equipos de programación e animounas durante a visita a optar a carreiras STEM rompendo o teito de
cristal que mantén un baixo porcentaxe feminino na facultades de matemáticas, tecnoloxía, enxeñería, etc. Felicitou tamén ao profesorado do centro xa que a súa implicación é clave para desenvolver proxectos destas características.