A Coral Polifónica Illa de Arousa adica ás mariscadoras o concerto do seu 10º aniversario

A agrupación coral celebra este sábado, 22 de abril, xunto coa Coral Lembraza de Sada a súa primeira década de existencia
A directora da coral, Juana María Lago, xunto ás mulleres e homes que compoñen a agrupación musical. DS
photo_camera A directora da coral, Juana María Lago, xunto ás mulleres e homes que compoñen a agrupación musical. DS

A Coral Polifónica Illa de Arousa subirase este sábado ao escenario do Auditorio Municipal para protagonizar un concerto, acompañada pola Coral Lembranza de Sada, para conmemorar o décimo aniversario da súa creación.

Unha década de ensaios e traballo en favor da música coral que a súa directora, Juana María Lago Padín, recorda con agarimo e certa nostalxia e, sobre todo, con moitos agradecementos e tamén un recoñecemento ás horas que as voces femininas daqueles momentos iniciais lles roubaban ao seu escaso tempo libre para ir ensaiar. Así quere interpretar a directora da coral este décimo aniversario: como un momento para facer balance. “Agora casi todas as nosas mulleres están xubiladas, pero cando empezamos eran mariscadoras e tiñan un traballo moi duro. Nunca faltaron a un ensaio e eu sempre as admirei polo seu compromiso”. Por elo, Juana María Lago quere adicarlles este acto conmemorativo do décimo aniversario. “Estoulles moi agradecida, pola súa constancia na coral e tamén pola súa comprensión comigo en momentos especialmente difíciles”.

Tampouco esquece a directora da coral o apoio institucional recibido hai 10 anos para a constitución da agrupación musical. “O entón alcalde Manuel Vázquez axudounos en todo e Carlos Iglesias seguiu na mesma liña de colaboración”, apunta; sen esquecerse tampouco de “doña Lola, que nos presentou con moito cariño na nosa primeira actuación”. Unha primeira vez na que a coral Illa de Arousa estivo arroupada pola Coral Lembranza de Sada, coa que este sábado ás 19.30 horas, rememorarán aquela entrañable xornada na que as voces arousanas emprendían, presididas por Maruja Nine, unha traxectoria que cumple agora 10 anos.

E para un día especial, Juana María Lago escolleu tamén un repertorio singular. A coral interpretará “Te quiero”, poema de Mario Benedetti; “Unchained Melody”, banda sonora da película Ghost; “Os cregos e os taberneiros”, de Ángel Viro; “As mariscadoras”, de Uxía Xenlle; “Gota de agua”, canción portuguesa e “Siyahamba”, canción tradicional zulú.