O director Álvaro Gago agradecerá na Illa o apoio arousán a 'Matria'

Álvaro Gago xunto a máis xente do equipo no preestreno de Matria en Vilanova. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Acudirá ao pase promocional previsto no auditorio municipal para o vindeiro sábado día 25 ás 20.30 horas

As portas do auditorio municipal da Illa volverán abrirse este sábado para acoller a proxección da longometraxe Matria, no percorrido que a productora está a realizar na preestrea deste traballo. Será ás 20.30 horas e na Arousa estará Álvaro Gago, director do film, que agradece públicamente a boa acollida que lle dispensa a cidadanía cada vez que escolle escenarios da Illa para a rodaxe dalgún dos seus traballos cinematográficos.

“Xa van tres veces que rodamos aquí e so podo ter palabras de agradecemento pola colaboración que encontrei, tanto por parte do Concello que nos dou todo tipo de facilidades, como pola xente, que se implicou en todo o proceso, sempre sumando tanto diante como detrás das cámaras”.

Álvaro Gago confía en reencontrarse con todas esas persoas este sábado, no auditorio municipal, nun sesión que será especialmente emotiva, tanto pola temática da película como polos agradables recordos que desperta en todo o equipo a volta aos escenarios de gravación. A Illa foi escenario do primeiro corto de Álvaro Gago Curricán (2015) co que se gradou dos seus estudos de Cine na London Film School e que estrenou no Festival de Málaga; e do curto Matria, en 2018, premio nominado aos Goya e gañador do gran premio do xurado do Festival de Sundance.

Francisca Iglesias, a muller que inspirou a trama da película, non acudirá presencialmente a este pase promocional, mais o público poderá desfrutar da súa interpretación no papel que lle asignou o reparto. “Matria” convida a unha reflexión sobre a realidade da muller galega alén dos 40 anos. E o fai a través da historia de Ramona, á que da vida a actriz María Vázquez, unha muller de cuarenta anos que vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e precario nun pobo costeiro, acostumada a vivir para os demáis e que tarda en entender que pode facer cousas por si mesma.

Matria é a primeira longametraxe de Álvaro Gago, estreada na Sección Panorama da 73 edición da Berlinale e da que o público da bisbarra poderá desfrutar adquirindo as entradas na billeteira unha hora antes do comezo ao prezo de 3,5 euros.