A Confraría e o voluntariado de Afundación retiran máis de 10 toneladas de refugallos na Illa

 A acción, enmarcada no programa PLANCTON da Obra Social de ABANCA, ten como obxectivo promover formas de actuar responsables que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras
Labores de retirada este sábado en A Ila. DS
photo_camera Labores de retirada este sábado en A Ila. DS

Mariscadoras e pescadores da Confraría da Illa de Arousa, e persoas voluntarias convocadas pola Obra Social de ABANCA dentro do seu programa de voluntariado Actúa, colaboraron estreitamente esta mañá en diferentes enclaves costeiros da illa na retirada de máis de 10 toneladas de residuos voluminosos.  As actividades centráronse nos areais das Rubas, Semuíño e Carboeira onde se retiraron principalmente pneumáticos empregados como defensas ou para fondeo de embarcacións, os chamados "mortos", así como grandes cordas, cabos, áncoras en desuso, cables, boias e outros aparellos extraviados durante a actividade pesqueira. E tamén aparellos de cultivo e madeiras tratadas.

Todos estes obxectos, que foron depositados polas mareas cara ás rochas, na parte superior dos areais, supoñen un perigo para a conservación da biodiversidade deste importante enclave da ría arousana. Unha vez rematados os labores de retirada dos residuos dos fondos rochosos e areosos, os pneumáticos xunto co resto dos refugallos entregáronse no porto do Xufre a un xestor autorizado que se encargará do seu correcto tratamento.

A deste sábado foi a segunda acción deste tipo que se desenvolveu na Illa de Arousa desde que a propia Confraría da Illa trasladara ao equipo técnico do Plan de Conservación Territorial impulsado por Afundación a problemática asociada a este tipo residuos, xa que este lixo mariño non só ten un impacto ambiental, ao contaminar as augas a medida que se van degradando, senón tamén consecuencias económicas ao dificultar a execución da actividade marisqueira.

Tras esta nova xornada de retirada de refugallos, son xa máis de 42 as toneladas de residuos retiradas no marco de PLANCTON das costas e fondos de Galicia, un programa que procura fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar a través dun gran eixo vertebrador de diferentes axentes. Recentemente ven de ser recoñecido pola Xunta de Galicia co Premio Especial Economía Azul pola súa "importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente", tanto polas propias actuacións de retirada de residuos, como pola súa preocupación por espertar unha conciencia sostible na sociedade a través de diferentes actividades de sensibilización e formación sobre os valores intrínsecos da biodiversidade e da súa conservación.