O Concello transforma un lugar degradado na praia do Lagartiño nun mirador sostible

As concellerías de Obras e Servizos limparon o entorno, protexerono con pivotes e instalaron bancos e árbores ornamentais
Playa de Lagartiño en A Illa. CEDIDA
photo_camera Praia de Lagartiño. CEDIDA

Cunha pequena inversión en materiais, persoal municipal e vontade para recuperar un pequeno recuncho degradado, o goberno municipal rematou unha actuación na praia de Lagartiño, convertida agora nun recuncho sostible desde o que contemplar o mar, o porto e acceder ao pequeno areal sen risco algún.

Ata hai tan so uns días este rincón estaba cheo de silveiras e maleza, rodas abandonadas e lixo nunha zona de terra descoidada pola que algúns mariñeiros accedían ata a praia cos seus vehículos para sair ao mar.

As Concellerías de Obras e Servizos realizaron conxuntamente un operativo de recuperación deste entorno procedendo primeiro a facer unha limpeza en profundidade e acondicionamento do acceso, que quedou protexido coa instalación duns pivotes. Para rematar a actuación o Concello instalou uns bancos e árbores ornamentais transformando o entorno nun acolledor mirador cunha estampa que ten o mar e as embarcacións como protagonistas.

O concelleiro de Servizos, Luis Arosa, ten a intención de continuar nesta liña de actuacións sostibles no litoral, na que enmarca a intención de crear unha senda peonil e para bicicletas entre o porto de Xufre e o do Aguiuncho, moi transitada ao conectar o porto que acolle as embarcacións bateeiras co dos barcos da terceira lista.

“Son uns 400 metros nos que a carretera ten un sobreancho no que con pouco máis que compactar con xabre teríamos o traballo casi listo”, apunta Luis Arosa. Sen embargo a titularidade da estrada é autonómica e xa no verán o Concello tramitou ante Axencia Galega de Infraestruturas o permiso necesario para acometer as obras sen obter resposta algunha polo momento.