O Concello reforzará o seu plantel con 10 profesionais en distintas áreas

As contratacións terán unha duración de 6 meses e fanse a través dunha subvención de 98.816 euros da Deputación Provincial
Concello de A Illa. CONCELLO
photo_camera Concello de A Illa. CONCELLO

O Concello da Illa de Arousa reforzará a súa plantilla coa incorporación dun total de 10 profesionais en diferentes áreas que prestarán os seus servizos durante un periodo de 6 meses e cunha xornada de 8 horas diarias.

Este reforzo terá un custe de 106.943 euros dos que a Deputación Provincial aportará 98.816,73 euros a través do Plan para a Activación do Emprego polo que o desembolso para a administración local será de 8.127 euros.

O persoal a incorporar serán 8 operarios para o departamento de Servizos, un guía turístico e un auxiliar administrativo que serán seleccionados a través da Oficina de Emprego.

“Estas incorporacións son claves para nós porque coa chegada do bo tempo desde a Concellalía de Servizos se incrementan os traballos de mantemento en sendas e viais; e hai moitísimas pequenas obras que nós facemos con persoal municipal para abaratar e esta axuda resulta clave”. Para Luis Arosa, concelleiro de Servizos, é tamén fundamental contar cun profesional do turismo que contribúa a difusión dos recursos turísticos do municipio de xeito sustentable e un auxiliar administrativo que apoie o departamento municipal.

Resposta á Xunta

Luis Arosa contrapón as achegas que recibe A Illa da Deputación de Pontevedra cos investimentos dos que presume a Xunta de Galicia cada vez que algún responsable autonómico pisa o municipio e que son intanxibles.

“Portos chegou decindo que investiran 40.000 euros no Paseo do Cantiño que non se ven por ningunha parte; agora do delegado provincial ven ver o valado das dunas e di que investiron 600.000 euros nos últimos anos. Coas cousas que foron capaces de detallar non xustifican nin a metade deses cartos. Eu pediríalles máis claridade, que lle expliquen á veciñanza donde están eses 600.000 euros e que aclaren tamén en cantos anos os investiron porque si se remontan a hai 25 anos ao mellor as contas si que dan”.

Luis Arosa pídelle aos responsables autonómicos que se preocupen de solventar cuestións importantes para a cidadanía da Arousa, como a inclusión da alegación na que se pide o recoñecemento da singularidade na Lei de Ordenación do Litoral ou a renovación de infraestruturas autonómicas obsoletas.