O Concello márcase para 2023 o obxectivo de reducir o volume de residuos

É necesario “que muden os nosos consumos”, considera a concelleira Gabriele von Hundelshausen
CONTENEDORES A ILLA
photo_camera Contenedores situados na Illa de Arousa. CONCELLO

O Concello, xunto coa consultora Novotec, realizou nos últimos meses un estudo técnico dos residuos na Illa de Arousa, traballo financiado grazas a unha liña de axudas do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Esta radiografía recolle os puntos fortes da xestión municipal dos residuos e indica o camiño a seguir para dar cumprimento aos obxectivos de sostenibilidade fixados para os vindeiros anos. Porque a diagnose revela que é necesario mellorar os ratios de reciclaxe na fracción resto. “Na Arousa separamos moi ben as fraccións dos residuos, pero hai marxe ainda para mellorar”, apunta Gabriele von Hundelshausen, concelleira de Medio Ambiente.

Nesta liña sinala que na compostaxe comunitaria ou doméstica “temos o mellor xeito de separar ben as fraccións do lixo; e ademáis podemos elaborar o noso propio abono ecolóxico”. Na xestión dos residuos orgánicos por medio da compostaxe, A Illa ten máis de 20 anos de experiencia, “e ben se ve nos datos que a nosa veciñanza sabe facelo ben e que separar os diferentes residuos é fácil”. Asegura por tanto que o obxetivo do Concello é reducir moito máis a cantidade de lixo que se xenera. “Os nosos consumos deben mudar”, conclúe.

Obxectivo: Reducir a bolsa resto

A fracción resto segue a ser a maioritaria ao supoñer 2/3 do total de residuos xerados no municipio. O seu tratamento realízase en Sogama, que cobra aos concellos por incinerar o residuo. Así, a bolsa resto é a que implica un maior custe económico para o sistema municipal de residuos, ademais de ser ecoloxicamente insostíbel. Na revisión dos contedores comprobouse que a maior parte dos residuos contidos neles son materiais que serían susceptíbeis de ser reciclados, tales como envases, ou compostados, no caso dos residuos orgánicos. Ademais, nalgúns puntos detectouse a presenza de residuos industriais e outros non asimilábeis a domésticos, cuxa xestión non compete ao sistema municipal.

Porén, desde a Concellalía de Medio Ambiente apunta que é prioritario insistir á veciñanza da importancia de separar os seus residuos para reducir a bolsa resto. O obxectivo é aproveitar estes materiais e aforrar os custes ambientais asociados á emisión de gases de efecto invernadoiro que agravan o cambio climático. Nesta liña cobran grande importancia os residuos orgánicos, xa que son a fracción maioritaria en peso do total dos residuos xerados nos fogares. A veciñanza da Arousa destaca pola súa implicación na compostaxe destes residuos, o que supón unha das maiores fortalezas do municipio. Con 5 centros de compostaxe comunitaria e máis de 400 composteiros activos nos domicilios, a Illa de Arousa atópase en moi boa situación de partida para dar cumprimento aos obxectivos de reciclaxe e prevención.

Á cabeza en recollida por fraccións

A Illa de Arousa presenta uns bos datos de recollida das fraccións reciclábeis nos contedores da rúa. Destacan especialmente os de envases lixeiros do contedor amarelo, onde dende vai anos o Concello recolle máis do dobre de quilogramos por habitante e día que a media galega e a  española. A recollida do vidro tamén ten resultados por enriba da media, mais na revisión dos contedores tense detectado a presenza de grande cantidade de impropios, como plásticos e outros materiais que non deberían ser depositados nese contedor. “É importante que a xente se fixe máis para evitar os impropios nestes contedores”, apunta a edil de medio ambiente.

O conxunto da recollida selectiva, tanto en contedores como nos residuos recollidos separadamente no punto limpo, supuxeron un 34% da produción total de residuos municipais no ano 2021. Aínda que é un dato positivo, Gabriele von Hundelshausen considera necesario intervir para acadar no ano 2025 o obxectivo do 55% de preparación para a reutilización e reciclaxe do total de residuos municipais. “Debemos reducir a cantidade total e conseguir a reciclaxe de moito máis que a metade”.

O reto da elevada presión turística

Un dos puntos críticos detectados polo estudo técnico foi a elevada presión turística que vive o concello insular durante os meses do verán. No terceiro trimestre a produción de residuos aumenta até un 33% respecto da media do resto do ano, mentres que a carga poboacional apenas o fai nun 6% (segundo datos do IGE). Isto significa que a maior parte deste aumento é resultado da produción de residuos asociada ao aumento dos visitantes na tempada estival. A normativa estatal obriga a que os produtores singulares, tales como os establecementos hostaleiros, separen en orixe os seus residuos. Con todo, o estudo detectou que os contedores situados nas proximidades dos campings ou zonas habituais de estacionamento de caravanas eran os que presentaban a maior cantidade de residuos depositados sen separar. Nestas zonas tamén adoita ser habitual a presenza de bolsas no chan ou no interior dos composteiros, un problema difícil de atallar porque o vertido adoita coincidir coa marcha dos vehículos.

O Concello ten con este estudo os datos nos que basear as futuras liñas de actuación en materia de residuos. Gabriele von Hundelshausen insiste en que “o mellor residuo é o que non se produce” e neste sentido asegura que o obxectivo “é reducir a cantidade de lixo que se xenera e o que non se pode evitar, entón separalo correctamente para que se poida reciclar”.