O Concello de A Illa alega para que se recoñeza a singularidade do territorio

Pide que se remate coas limitacións derivadas do anteproxecto da Lei de Ordenación que inciden sobre o seu litoral
Praia do Carreirón. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Praia do Carreirón. BEATRIZ CÍSCAR

O Concello de A Illa de Arousa vén de presentar unha alegación ao anteproxecto da Lei de Ordenación do Litoral de Galicia na que solicita de novo que se recoñeza a singularidade do territorio insular, rematando coas limitacións derivadas da normativa que incide sobre o seu litoral e as cortapisas da súa aplicación práctica.

O Goberno local suxeriu que se aproveite "en positivo esta nova modificación da Lei para introducir unha cláusula na que se recoñeza a singularidade do único municipio insular de Galicia e non se perda esta nova oportunidade". Na alegación, o Goberno local lembra que leva desde a segregación, no ano 1997, pedindo que se recoñeza esta realidade "única e singular dende as normativas tanto autonómica como do Estado", tendo en conta que os valores que definen o territorio de A Illa de Arousa son o litoral e o medioambiente, con recursos como o parque natural de Carreirón ou Monte Palmeira.

O Concello apunta que o solo é na Illa un ben escaso, o que fai que a dotación de novas infraestruturas ou a recuperación das frontes marítimas, recollidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal, coa normativa actual "vese imposible de executar". Neste sentido, a Zona Urbana Consolidada ocupa un territorio "pequeno e moi compacto", polo que a súa conservación e transformación para que siga existindo como motor social e económico pasa por ter en conta "os condicionantes da insularidade e singularidade, e moitas veces iniciativas para poñer en valor este litoral atópanse con cortapisas xeneralistas que non teñen en conta estes condicionantes". 

O escrito incide, ademais, nas consecuencias da apertura da Ponte sobre un tecido urbano que se conformou sen coches, con rúas estreitas e sen garaxes e que "agora rexistra unha media de 2,5 coches por unidade familiar, a modo de exemplo dun municipio que evolucionou en canto aos sectores productivos e ao modo de vivir, pero que segue encorsetado por unhas normativas que obvian a identidade arousana".